Nota de prensa
“”A importancia dos xoguetes na evolución da infancia””
Charla-presentación do último nº 51 da Revista Galega de Educación (RGE)
Publicada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG)
O acto terá lugar no CENIMA de Foz o día 16 de febreiro a partir das 18,30
Acto dirixido a familias, docentes e persoas interesadas no xogo e xoguete tradicional.
Intervirán:
Suso Ferreiro, de NEG e profesor do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo): A necesidade de xogar
Xermán Viluba, da Liga Nacional de Billarda e músico: Xogar en contexto con fórmulas e xoguetes-instrumentos
Emilio González, de NEG e orientador do IES Marqués de Sargadelos (Cervo): O monográfico da RGE “Os xoguetes tradicionais”
Ana Méndez-Iragorri, do Observatorio da Mariña pola igualdade, técnica de igualdade: O Xogo e xoguete: consciencia da necesidade de coeducar
RESEÑA:
Hoxe, case un lustro despois, neste número 51 da RGE queremos aproximarnos ao mundo dos irmáns de sangue dos xogos tradicionais, que son os xoguetes. Se cadra non tan suxeitos a unhas regras como os primeiros e si máis expostos á imaxinación de quen os realiza, mais non obstante, ambos os dous pezas clave do noso patrimonio cultural inmaterial. Un Pobo que xoga, argalla e brinca é un Pobo feliz.
Tomando como referencia textos publicados neste número da revista, lemos que o ser humano dende sempre tivo a necesidade, en todas as etapas da vida, de aprender, relacionarse e de adaptarse ao ambito onde vive; o xogo cubriu todos e cada un destes aspectos, ainda que é na infancia cando este será vital para o desenvolvemento integral da persoa.
O cambio dos modos de vida e outros moitos factores relegaron as actividades lúdicas tradicionais practicamente ao esquecemento. Ao recuperalas, adaptalas e potencialas dende e para a escola, converteranse en ferramentas educativas multidisciplinares de primeira orde.
O xoguete é un recurso pedagóxico ineludible dado o carácter lúdico da etapa da infancia. Ten un valor evidente como elemento motivador e estimulador da aprendizaxe do alumnado. Daquela, o brinquedo e o seu mundo non poden estar e vivir de costas ao ensino. A escola non pode vivir pechada ao medio no que se desenvolve. Xogos e xoguetes son o espello da súa sociedade, construcións simbólicas nas que as persoas organizan un espazo de inventiva e de liberdade.
Día: xoves 16 de febreiro
Lugar: Salón de Actos do Centro de Interpretación da Mariña-CENIMA –fronte á biblioteca- (Foz)
Hora: 18:30 horas
Dirixida a: familias, docentes e persoas interesadas no xogo e xoguete tradicional.