Nota de prensa
OS SOCIALISTAS DENUNCIAN “SECTARISMO E REVISIONISMO”, NO PLAN DE ACUICULTURA DE NÚÑEZ FEIJOO
-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira critica que non se gastou un so céntimo na acuicultura, dos fondos de compensación interterritorial
– Dixo que a estratexia de Feijoo en Galicia “é o ti vai facendo”, e acusouno der asumir o papel de “especulador necesario da costa galega”
– Preguntou porque non se moveu un so dedo para impulsar as 24 localizacións que quedaron programadas, as 12 empresas, o compromiso de investimento 350 millóns de euros e a creación dos 2.000 postos de traballo directo que se conseguirían co anterior Plan de Acuicultura
-Asegura que o Alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, xa anunciou que descarta piscifactorías en Seiruga, Merexo e Camelle
– Replica que non é aceptable expropiar terreos para empresas privadas ou empresas acuícolas “porque cando ese proxecto non sexa rendible ao mellor aparecen adosados”
Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2012. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira sinalou hoxe que a acuicultura é instrumento de futuro para a economía de Galicia. E denuncia que durante os 3 anos de Goberno de Feijoo “non se investiu nin un so euro en acuicultura na nosa Comunidade.” Asevera ademais que non se gastou un so céntimo na acuicultura dos fondos de compensación interterritorial.
Soneira fixo esta afirmación trala comparecencia parlamentaria da Consellería do Mar na que deu conta da estratexia da acuicultura en Galicia.
A parlamentaria advertiu que nos centros de investigación de Galicia “estase traballando moito neste campo”. Por iso preguntou cantos proxectos apoiou a Xunta.
A deputada dixo que a estratexia de Feijoo en Galicia “é o ti vai facendo”, e acusouno der asumir o papel de “especulador necesario da costa galega”. E lembrou que o Goberno do PP tivo que legalizar unha empresa acuicultura que estaba instalada dende fai décadas. Replicou que o único que serve son os intereses políticos do PP.
Dende o PSdeG-PSOE non estamos dacordo en que se adquira terreos costa en beneficios de promotores privados, e advertiu da modificación que impulsa o Ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete coa Lei de Costas. Denunciou que coa Plan do PP “pódese instalar unha empresa acuícola nas Illas Cies”.
E preguntou porque non se moveu un so dedo para impulsar as 24 localizacións que quedaron programadas, 12 empresas, o compromiso de investimento 350 millóns de euros e a creación dos 2.000 postos de traballo directo que se conseguirían co anterior Plan de Acuicultura. E insistiu nas súas criticas “porque nestes 3 anos non se moveu un so dedo para sacar adiante este proxecto?”, proclamou.
Touriñán
Aludiu tamén aos niveis de protección que contempla o novo plan do Goberno de Feijóo, sobre a protección de Cabo Touriñán que é de nivel 4, “é dicir de maior restrición para a instalación de plantas acuícolas”. Subliña que isto demostra “que a directiva comunitaria establece unha especial protección nesta zona”, e que a posición do PP “foi simplemente por oportunismo político”.
Seiruga, Merexo e Camelle
Ademais demandou “criterios obxectivos” para decidir as zonas de instalación en lugar de “criterios oportunistas”, como fai o Goberno de Feijoo. A maiores asegura que o Alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, xa anunciou que descarta piscifactorías en Seiruga, Merexo e Camelle. Por iso neste punto preguntou “que valores medioambientais teñen estas zonas que sexan superiores a outras como Cabo Touriñán?”.
Soneira dixo que o PP renuncia a expropiar terreos en Galicia para realizar calquera tipos de obra publica ao servicio da sociedade “ben sexa en Portos, unha infraestrutura hospitalaria ou educativa”. E replica que non é aceptable expropiar terreos para empresas privadas ou empresas acuícolas “porque cando ese proxecto non sexa rendible ao mellor aparecen adosados”, ironizou.
Galicia é de todos
Demandou á Conselleira que presente en sede parlamentaria as miles de alegacións que conta este Plan de Acuicultura. E concluíu “o sectarismo é un mal compañeiro para Gobernar, porque o pais é de todos”, sentenciou.