Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación asinou a Iniciativa Lexislativa Popular para a continuidade de Preescolar na Casa

Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA ASINOU ESTA MAÑÁ PARA A ILP A FAVOR DO MANTEMENTO DE PREESCOLAR NA CASA

O vicepresidente da Deputación ratifica o apoio a un proxecto pioneiro na educación das familias con nenos e nenas con especial incidencia no rural lucense

A Iniciativa Lexislativa Popular pretende conseguir que a Xunta de Galiza garanta a continuidade do programa Preescolar na Casa

Lugo, 17 de febreiro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asinou esta mañá nunha mesa instalada na rúa da Raíña de Lugo, a Iniciativa Lexislativa Popular que pretende conseguir que a Xunta de Galiza se comprometa a manter o programa Preescolar na casa. O vicepresidente da Deputación, e responsábel comarcal do BNG na Mariña, ratifica o apoio a un proxecto pioneiro na educación das familias con nenos e nenas con especial incidencia no rural lucense, desde a Mariña até o sur de Lugo.

Preescolar na Casa comeza no ano 1977 o seu traballo a prol da infancia, da familia e da sociedade galega, a partir da idea inicial de Antonio Gandoy. Despois de 35 anos acompañando educativamente ás familias de Galiza , despois de ter contribuído a configurar a historia recente deste país en materia de educación a través dun modelo de intervención pioneiro, orixinal, preventivo, vertebrador do territorio e, referente en canto á implicación das familias na educación dos seus fillos e fillas, Preescolar na Casa está a piques de desaparecer debido aos drásticos recortes nas achegas económicas da Xunta de Galiza.

Responde a un modelo educativo que se caracteriza:

– Pola defensa e promoción dos dereitos dos nenos, da igualdade e do respecto entre as persoas, da comunicación e a non violencia como medio de resolución dos conflitos.

– Pola Innovación, dinamismo e anticipación:

• Comezou a traballar no ciclo 0-3, cando aínda a lexislación educativa non o tiña recoñecido.

• Anticipouse a Recomendación Rec (2006)19 do Comité de Ministros aos Estados Membros sobre políticas de apoio á parentalidade positiva, ofrecendo servizos de apoio ás familias.

• Introduce novas dinámicas e actividades (traballo en maternidades, centros educativos), para dar resposta ás necesidades sociais e familiares que van xurdindo.

– Pola intervención de proximidade, solidaria e integradora, achegándose directamente aos lugares onde habitan nenos e familias, dando prioridade aos sectores da poboación menos favorecidos, e integrando a poboación de niveis culturais e económicos diferentes.

– Polo fomento da lingua e a cultura galega desde os inicios e ata a actualidade como forma de dar valor e prestixiar o propio.

– Polo carácter comunitario e expansivo: todas as actividades teñen como obxectivo influír na comunidade, partir da súa realidade e avanzar no seu desenvolvemento, resaltando o valor do colectivo fronte ao individualismo.

– Polo traballo en rede interna e externa: co obxecto de aproveitar e facer rendibles os recursos da comunidade.

– Pola preocupación por ofrecer servizos de calidade que aporten valor á sociedade.

– Polo respaldo da Administración: desde as súas orixes ata a actualidade o desenvolvemento do programa foi posible grazas o apoio continuado da Administración pública. Este apoio tivo o respaldo, en varias ocasións, do Parlamento de Galiza .

A carencia deste respaldo fai perigar a continuidade de PREESCOLAR NA CASA un proxecto 100% galego que está a ser referente fóra de Galiza .

Exit mobile version