Nota de prensa
O PP de Riotorto pide en pleno o arranxo “inmediato” da estrada provincial Orrea –Galegos cortada por un socavón
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, xunto co portavoz do PP local, José Luís Lourido, comprobaron hoxe in situ a situación na que se atopa a estrada
O socavón foi detectado en abril e viuse acrecentado nos últimos días o que provocou o peche da estrada no tramo Orrea á Igrexa
O PP de Riotorto asegura que esta situación “demostra o absoluto abandono e a falta de compromiso” da Deputación e do Goberno municipal
Riotorto, 11 de febreiro de 2011.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, acompañada do portavoz do Partido Popular de Riotorto, José Luís Lourido López, quixo coñecer hoxe in situ a situación na que se atopa a estrada LU-P-5505 que vai de ORREA a GALEGOS, titularidade da Deputación Provincial de Lugo, e que se atopa cortada debido a un socavón existente aproximadamente no punto KM 0,58-0,60 da mencionada vía.
Ante tal situación, o grupo local do Partido Popular rexistrou unha moción que levará ao próximo pleno na que lle solicitan ao goberno municipal que realice as xestións oportunas ante a Deputación provincial para o arranxo “inmediato” do socavón existente no vial.
Segundo explica o portavoz local do PP, o socavón detectouse en abril e dende aquela a Administración provincial “só procedeu a colocación dunhas pranchas de ferro na calzada”. Co paso do tempo o afundimento do chan fíxose maior o que provocou que a estrada quedara cortada dende fai uns vinte días no tramo de Orrea (enlace N-640) á Igrexa, nunha lonxitude de 1,5 km.
José Luís Lourido explica que ademais da perigosidade que supón esta situación tanto para os vehículos, tractores como persoas que pasen camiñando, “os veciños da zona vense na obriga de desviarse por outra estrada no lugar de Casanova e facer catro quilómetros máis do percorrido”.
O portavoz local asegura que con estas medidas demostrase “o absoluto abandono e a falta de compromiso tanto do goberno municipal como da Deputación Provincial de Lugo cos veciños da zona de Orrea-Galegos no municipio de Riotorto”.