Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo recorda as obrigas das persoas propietarias de animais domésticos, ante as queixas veciñais

Nota de prensa
O CONCELLO EDITA UN BANDO SOLICITANDO O CUMPRIMENTO DA ORDENANZA MUNICIPAL DE PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL SOBRE A TENENCIA DE CANS E OUTROS ANIMAIS DOMÉSTICOS. HORACIO CUPEIRO LEMBRA QUE ESTAS MASCOTAS DEBEN TER UN CHIP IDENTIFICATIVO E QUE OS SEUS PROPIETARIOS ESTÁN OBRIGADOS A RECOLLER OS SEUS EXCREMENTOS DAS VÍAS, BEIRARRÚAS E PARQUES PÚBLICOS.

Ribadeo, 9 de febreiro de 2012. O Concello edita un bando solicitando o cumprimento da ordenanza municipal de protección medioambiental sobre a tenencia de cans e outros animais domésticos. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que se están a producir moitas queixas de veciños relativas a abandonos ou á presenza de excrementos nos parques públicos e nas beirarrúas.

O edil nacionalista asegurou que “últimamente estamos a recibir moitas protestas motivadas polos animais de compañía, sobre todo polos cans, no referente a accidentes, a abandonos ou pola presenza de excrementos en parques públicos e beirarrúas. Por todo isto o Concello vese obrigado a aplicar ordenanza municipal de protección medioambiental, aprobada no ano 2006”. Horacio Cupeiro pide “a colaboración dos cidadáns para que cumpran a normativa vixente e a aqueles que non a estean a cumprir lembrámoslles que deben poñerlles un chip ás sás mascotas para que en todo momento estean identificadas. Os propietarios destes animais deben recoller tamén os seus excrementos. É recomendable ter o animal asegurado, aínda que non sexa obrigatorio”.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “calquera veterinario pode proceder á colocación do chip, aínda que a Xunta a través do Rexistro Galega de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC) ten autorizado en Ribadeo a Juan Luis Amor Fernández. Éste colocará o chip por un prezo de 25 euros, podendo facelo tamén en desprazamentos ás parroquias. Calquera outro poderá facelo, o de colocar o chip, pero o prezo xa será negociable co veterinario en cuestión”.

No bando, editado polo Concello de Ribadeo, lémbrase que “a persoa que conduza o animal estará obrigada á limpeza dos seus excrementos e a tal efecto deberán levar obrigatoriamente unhas bolsas e/ou os accesorios necesarios para a recollida e limpeza das dexeccións que, debidamente empaquetadas, serán depositadas en papeleiras ou contedores”. Horacio Cupeiro asegurou que “non se trata de sancionar senón de que todo o mundo cumpra coas normativas existentes. Hai moita xente que sí o fai, pero hai unha veintena de persoas que pasan de todo, e deixan que o seu can defeque en calquera sitio e alí deixan todos os excrementos. Entón por respecto e por consideración veciñal agardamos que tomen nota e se apliquen”.

O Concello deixará un tempo prudencial para que todos os propietarios de mascotas cumpran coa normativa, “aínda que xa levamos anos falando deste tema, para que todos cumpramos con esta ordenanza. A partires do 31 de maio a Policía Municipal comezará a denunciar as infraccións cometidas”.

Exit mobile version