Nota de prensa
O Concello de Cervo ofrece un curso de palillar gratuíto e aberto a todos os públicos
-As persoas interesadas en participar nel aínda poden apuntarse
-O curso desenvolverase os martes no Ecomuseo de Cervo e os mércores na Casa da Cultura de San Ciprián
-Modesta Lombardero será a encargada de impartir este curso
Cervo, 10 de febreiro de 2012-O Concello de Cervo pon en marcha por segundo ano consecutivo un curso de palillar que arrincará o día 14 deste mes en Cervo e o 15 en San Ciprián. Unha iniciativa totalmente gratuíta e na que se poden inscribir todas as persoas que desexen tanto aprender a palillar como mellorar e perfeccionar a súa técnica. O curso terá unha duración de tres meses e impartirase todos os martes no Ecomuseo de Cervo e todos os mércores na Casa da Cultura de San Ciprián.
O prazo de inscrición aínda permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden achegarse ata a Casa do Concello cervense ou ata a Casa da Cultura de San Ciprián para anotarse. O único requisito que deben cumprir é estar censados no municipio. Unha auténtica experta na arte de palillar, como é Modesta Lombardero, será a encargada de impartir esta actividade.
Este curso constitúe un complemento ao Encontro de Palilleiras que se adoita celebrar no mes de marzo. “O noso obxectivo é seguir potenciando e mantendo a tradición palilleira que existe no noso municipio a través desta actividades, que fan que este traballo artesanal sexa tanto visible como accesible ao público”, explica a concelleira de Xuventude e Igualdade, Pilar Álvarez.