Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela conta con dous novos aparcamentos gratuítos, na rúa Castelao e no Camiño Real

Nota de prensa

BURELA CONTA CON OUTROS 2.700 METROS CADRADOS DE APARCAMENTO GRATUÍTO. OS DOUS SOLARES ESTÁN UBICADOS NAS RÚAS CASTELAO E CAMIÑO REAL. O ALCALDE E O CONCELLEIRO DE OBRAS ESTÁN SATISFEITOS CO TRABALLO DESENVOLVIDO.

Burela, 14 de febreiro de 2012.- O Concello de Burela conta con outros dous mil seiscentos sesenta metros cadrados de novo aparcamento gratuíto co fin de axilizar o tráfico na vila e facilitar o estacionamento naquelas zonas máis conflitivas e máis conxestionadas.

Se hai uns meses se acondicionaba un solar na rúa Eijo Garay no cruce coa rúa do Correo, agora son dous solares, cedidos gratuitamente polos respectivos propietarios. O alcalde, José María González Barcia, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, visitaron os solares acondicionados para novos aparcamentos, un deles na rúa Castelao, cunha superficie de mil trescentos sesenta metros cadrados. Este novo aparcamento conta con dous accesos, os dous pola rúa Castelao. O segundo solar está ubicado no Camiño Real, conta cunha superficie de mil trescentos metros cadrados, e ten acceso pola mesma rúa.

O concelleiro de obras, Fernández Valle, manifestou que “o Concello está satisfeito coa apertura destes solares para novos aparcamentos”. Así mesmo, quixo agradecer públicamente aos seus propietarios a súa colaboración para usar estes solares con este fin. Fernández Valle destacou tamén que “así gañamos en calidade medioambiental, porque os solares quedan limpos. Agora mesmo está pendente de rematar o acondicionamento parcial do solar de Camiño Real”.

Fernández Valle indicou que “non descartamos acondicionar algún solar máis, pero agora mesmo a situación económica non nos permite ningunha outra actuación inmediata”.

Exit mobile version