Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá insta ao goberno municipal a buscar solucións para os veciños afectados dos montes de San Lourenzo

Nota de prensa

O BNG DE LOURENZÁ INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A BUSCAR SOLUCIÓNS PARA OS VECIÑOS AFECTADOS DOS MONTES DE SAN LOURENZO

Lourenzá, 13 de febreiro de 2012. O BNG de Lourenzá ven de presentar o día 13 unha moción nas oficinas do concello coa cal pretende solucionar o problema co que se están a atopar moitos veciños do lugar de San Lourenzo na parroquia de San Xorxe para poder dar entrada á maquinaria pesada para realizala tala dos montes, compre recordar que o camiño que daba acceso a todas estas parcelas é o camiño polo que discorre unha variante do camiño Norte de Santiago que ven dende a antiga capela de San Marcos (Trabada) para pasar pola parroquia de San Xorxe de Lourenzá de camiño a Mondoñedo.

O movemento veciñal reclamou no seu día o arranxo de dita senda pois no estado no que se atopaba facíase imposíbel transitar con calquera tipo de vehículo e moito menos poder cortar a madeira dos montes, con esa finalidade se mobilizaron os veciños que mediante unha recollida de sinaturas solicitaron o arranxo do camiño, pero en troques de arranxar o camiño coa finalidade que solicitaban os veciños, para o cal puxeron as súas sinaturas, o que se fixo foi arranxar o camiño como parte do camiño de Santiago dotándoo de marxes de pedra e cunetas feitas de cachotaría de pedra o cal implica que a maquinaria empregada polos madeireiros, ao tratarse de maquinaria pesada, podería romper todos estes acabados co prexuízo que elo lles suporía. Neste senso o concelleiro portavoz nacionalista César Docampo argumentou: “ non acabamos de entender como unha iniciativa veciñal encamiñada a arranxar o camiño para así ter mellor acceso aos montes e poder traballalos acaba desembocando en que agora ningún madeireiro queira usar o camiño por medo a rachar algún dos valados ou cunetas e expoñerse á conseguinte sanción, os veciños reclamaron o arranxo do vía para a súa explotación forestal e agora o que se atopan é que ningún madeireiro quere meter as súas máquinas a talar alí. Nos puidemos falar con varios veciños afectados e todos coinciden en que asinaron para arranxalo camiño e así ter mellor acceso e non como di algún deles textualmente para restaurar unha variante do Camiño Norte de Santiago polo que pasan catro persoas contadas ao ano”.

O BNG de Lourenzá entende o feito de que se queira protexer esta variante do camiño de Santiago pero tamén considera que en este preciso momento de crise económica o feito de vender a madeira dun monte pode supoñer unha axuda económica moi importante para as familias, e coa finalidade expresada na moción presentada reclama do concello de Lourenzá unha solución para todos estes veciños afectados e que a súa vez se senten enganados pola xestión que o concello fixo deste asunto. O concelleiro do BNG de Lourenzá expresou :” comprendemos e apoiamos a necesidade da posta en valor do Camiño de Santiago en tódalas súas variantes, xa sexa como ben cultural de incalculabel valor que facilita a trasmisión da cultura galega alén das nosas fronteiras, ou como o importante e positivo motor económico que o Camiño de Santiago supón para o noso pais ao tratarse dun destino turístico quizais dos máis importantes hoxe en día a nivel europeo e mundial pero entendemos que non é de recibo entorpecer a explotación forestal destes montes nin ocasionar perxuizos aos propietarios dos mesmos se temos en conta que ate o de agora a pista en cuestión servía as duas finalidades”.

No tocante aos recortes que o goberno de Lourenzá está a emprender en case que tódalas áreas da sua xestión o BNG de Lourenzá tamén mostrou o seu desacordo con respecto ao proceder do concello co regulamento do alumeamento público ao considerar que se está a facer sen ningún tipo de orde nin criterio, neste senso o concelleiro nacionalista César Docampo dixo: “Xa non sabe un o que se pode esperar pois tanto se encenden todas as farolas como ningunha, teoricamente íase a facer por zonas, reducindo o número de puntos de luz por zona dun xeito paulatino, pero polo momento non se está a cumprir e ate o de agora había rúas enteiras que se quedaron sen ningún alumeamento varias noites seguidas, o BNG de Lourenzá aplaude a medida que o equipo de goberno quere levar a cabo pero pedímoslles que o fagan dun xeito máis ordeado e profesional”.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Exit mobile version