Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz denuncia o estado lamentable no que se atopa a estrada N-642 en Foz

Nota de prensa

BNG DE FOZ DENUNCIA O ESTADO DA ESTRADA N-642 AO SEU PASO POR FOZ

Foz a 14 de febreiro de 2012.- O BNG de Foz denuncia unha vez máis o estado lamentable no que se atopa a estrada N-642 ao seu paso polo concello de Foz. Referímonos en concreto aos tramos na zona da Espiñeira-Mañente, na zona de Nois á altura da praia de Arealonga ou á algúns tramos da circunvalación de Foz. O Ministerio de Fomento -do que depende esta estrada- dedícase a poñer parches cando a estrada está xa nunhas condicións lamentables para o tránsito de vehículos pero estes parches non solucionan o problema. “A estrada necesita desde hai tempo un novo firme, petición que se lle fixo en numerosas ocasións a Fomento sen que este fixera ningún caso”, afirma o portavoz nacionalista, Xan Carlos González Basanta. A isto hai que engadir que estas zonas non están ben iluminadas co que de noite os conductores non teñen visibilidade para esquivar os baches da estrada nin están ben pintadas polo que os conductores teñen que guiarse case por instinto incluso en zona de curvas.

Dado o pouco coidado que o Ministerio de Fomento pon no mantemento destas vías, o BNG ten que recordarlle que “os mariñáns non somos cidadáns de segunda aínda que pensen o contrario” porque esto ven repetíndose en moitos tramos das nosas estradas, a maioría con mala iluminación e mal conservadas. De nada serve todo o gasto que se fai nas campañas publicitarias para a prevención de accidentes cando as infraestructuras viarias non están suficientemente preparadas para circular con seguridade. Aínda máis grave é que isto ocorra nunha estrada de ámbito estatal e a única operativa na costa desde Foz ao Vicedo polo atraso constante da Autovía da Costa. “Calquera estrada secundaria da Mariña (Foz-Ferreira, Cangas-Ferreira,…) é máis segura e está mellor coidada que a N-642 e isto debería facerlle pensar os responsables de Fomento”.

Para o BNG o mantemento e a conservación das estradas son algo imprescindible para evitar accidentes e circular con seguridade. “É vergonzoso contemplar como esta situación sufrímola os mariñáns sen que se atalle o problema a pesares do perigo que conleva”. Por iso o BNG insta a Fomento a través dunha moción presentada para o próximo pleno a amañar a estrada N-642 ao seu paso por Foz dotándoa dun novo firme.

Exit mobile version