Nota de prensa
O BNG renova os seus órganismos de dirección na Mariña
A Asemblea Comarcal do BNG reelixe a Antonio Veiga Outeiro como Responsábel Comarcal da formación nacionalista da Mariña.
Antonio Veiga Outeiro afronta este novo reto co ánimo de traballar en equipo para facer chegar a voz dos nacionalistas a todos os recunchos da comarca.
A situación económica e laboral na comarca, os recortes nos dereitos sociais e a ausencia de solucións á crise dos gobernos estatal e galego son as máximas preocupacións do novo responsábel comarcal.
A Mariña, 11 de febreiro de 2012. O BNG celebrou na tarde de hoxe unha asemblea comarcal de na que procedeu á renovación dos seus órganos de dirección na Comarca da Mariña seguindo o proceso da XIII Asemblea Nacional celebrada os días 28 e 29 de xaneiro. O Consello Comarcal saínte para a ordenación do proceso acordara o pasado 1 de febreiro a ampliación no número de persoas para a Executiva e Consello Comarcal tendo en conta o incremento na afiliación producido dende o ano 2009 na que se celebrara a última renovación de cargos. Antonio Veiga expresou a súa preocupación e a da nova dirección comarcal nacionalista pola situación económica e laboral da comarca sen que se vexan por parte dos gobernos estatal e galego solucións específicas para a súa dinamización, co agravante dos constantes recortes nos dereitos sociais e laborais que seguen pagando as maiorías sociais.
Veiga Outeiro expresou a fonda preocupación do BNG pola situación económica e laboral da comarca.
A nova dirección comarcal do BNG expresou a súa fonda preocupación pola ausencia de solucións dos gobernos estatal e galego á situación laboral e económica xeral e particularmente á da comarca mariñá. Antonio Veiga, criticou que os constantes recortes nos dereitos sociais e laborais sempre dirixidos ás maiorías sociais non fan mais que agravar a situación e a ausencia de políticas de dinamización económica deprimen o consumo e golpean os sectores produtivos, a pequena e mediana empresa e as clases traballadoras. O nacionalista comprometeu “o traballo do BNG na comarca para defender políticas transformadoras en contraposición ao actual modelo neoliberal que o devora todo”.
A nova Executiva Comarcal pasará de sete a nove persoas polo incremento de afiliación dos últimos dous anos.
A Asemblea Comarcal escolleu nova Executiva Comarcal da que formarán parte como Responsábel Comarcal, Antonio Veiga Outeiro e Vice – responsábel Comarcal Xoán Antón Estúa García, xunto con Xosé Farruco Graña Rama, Elvira Arias Sante, Ana Ermida Igrexas, Xosé Ramón Ermida Meilán, Susana Riveira Fernández, e Xusto Fernández Haro, os tres primeiros integraranse no Consello Nacional, máximo órgano de dirección do BNG entre Asembleas Nacionais do que xa forman parte Xusto Fernández Haro e Xosé Ramón Ermida Meilán ao ser escollidos directamente pola afiliación na Asemblea Nacional celebrada os días 28 e 29 de xaneiro pasados.
A afiliación nacionalista da Mariña escolleu ademais da Executiva Comarcal que pasa de 7 a 9 persoas ao novo Consello Comarcal que nesta ocasión ampliouse tamén de 20 a 25 persoas debido á importante ampliación de militancia na comarca dende a última renovación dos organismos de dirección comarcal en xullo de 2009.
Veiga mostrou a súa vontade de traballar en equipo para facer chegar ao conxunto da Mariña as propostas transformadoras do BNG e deu os parabéns ao conxunto da militancia mariñá do BNG que deu unha mostra mais de participación democrática que agora continuará nos organismos locais coa elección dos responsábeis locais.