Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo agradece á coral polifonica a cesión para outros fins da parte da axuda que recibe do concello

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ AGRADECE A DECISIÓN DA CORAL POLIFÓNICA DE RIBADEO DE CEDER PARTE DA AXUDA ANUAL QUE RECIBE DO CONCELLO PARA QUE SE DESTINE A OUTROS FINS MÁIS SOCIAIS. O ALCALDE DI QUE SE TRATA “DUN PASO VALENTE”.

Ribadeo, 9 de febreiro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, agradece públicamente a decisión da Coral Polifónica de Ribadeo de ceder parte da axuda anual que recibe do Concello para que se destine a outros fins máis sociais. O rexedor di que se trata “dun paso valente”.

Suárez Barcia quixo recoñecer públicamente “e agradecer este xesto que honra á Coral Polifónica de Ribadeo. É un xesto que poucas veces se ve, a Coral de motu propio di que quere ceder parte da axuda que o Concello lle concede desde hai anos a través dun convenio asinado entre as dúas partes en materia cultural. Queren que desde o Concello poidamos darlle outros usos máis sociais a eses recursos e iso é de agradecer”.

O rexedor aproveitou para facer unha encendida defensa “das políticas que facemos os Concellos, e que facemos desde Ribadeo, con respecto a todo o asociacionismo de base, ben sexa a Coral Polifónica, ben sexan as asociacións culturais, deportivas, veciñais e mesmo as asociacións de pais e nais dos colexios. Nun momento no que todo se está a cuestionar, no que todo é criticable e revisable é moi importante que os Concellos sigamos apoiando a estes movementos de base que perseguen a dinamización social. Moitas veces están orientados á xente nova para que poidan facerse actividades en concellos de tipo medio como Ribadeo, e así moitas veces temos ofertas para os nosos veciños dunha calidade como si fose unha cidade”. Fernando Suárez indicou que “no futuro ímonos ter que replantexar o baixarlles as asignacións a todo este movemento asociativo, pero habémolo facer na menor medida posible porque sabemos do esforzo que están a facer, da contribución social que están dando”.

O alcalde ribadense insistiu en “recoñecer este paso tan valente que deu a Coral Polifónica de Ribadeo”.

Exit mobile version