Site icon Crónica3.com A Mariña

Informa o PP que “xa se constituíu unha comisión encargada de facer un seguimento ás iniciativas” de emprego na Mariña

Nota de prensa:

O deputado do Grupo Popular solicitou aos partidos da oposición que retiraran as súas iniciativas tendo en conta que quedaron obsoletas

JOSÉ MANUEL BALSEIRO ACUSA A SOCIALISTAS E NACIONALISTAS DE “CHEGAR TARDE” COAS SÚAS PROPOSTAS DE EMPREGO E RECUPERACIÓN PRODUTIVA PARA A MARIÑA LUCENSE

O pasado 28 de decembro o Parlamento aprobaba un texto de consenso no que se lle instaba ás administracións a poñer en marcha un plan de emprego e recuperación produtiva da Mariña

Balseiro lembra que tras a visita do Conselleiro de Economía e Industria a Mondoñedo xa se constituíu unha comisión encargada de facer un seguimento ás iniciativas de apoio comarca

Santiago, 8 de febreiro de 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu que as iniciativas debatidas hoxe por PSOE e o BNG no seo da Comisión de Industria do Parlamento de Galicia, nas que se pedía a posta en marcha dun plan de emprego e recuperación produtiva para A Mariña, “chegan tarde, quedaron obsoletas, perderon todo o seu sentido e deberan ser retiradas”.

Balseiro lembrou que fai preto de dous meses, o 28 de decembro de 2011, o Parlamento de Galicia xa aprobou por unanimidade das tres forzas políticas con representación na Cámara galega (PP, PSdeG, e BNG) un acordo consensuado no que se lle instaba a Xunta “a impulsar en colaboración coa Deputación, o Estado e os concellos un plan de desenvolvemento industrial con apoio público, para contribuir á dinamización económica da comarca e, nomeadamente, dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá”.

“Dado que existe xa un acordo parlamentario previo e unánime non ten sentido volver a adoptar outro” -explicou Balseiro- “E moito menos cando se trata de aprobar un texto practicamente idéntico (coinciden ata as mesmas palabras) ao que xa existe”. O deputado popular sospeita que o que parece molestarlle aos grupos da oposición é que sexa o PP e non eles quen leva a dianteira en apoio dos traballadores afectados polos EREs e reclamando iniciativas de rehabilitación para a comarca.

A XUNTA ACTÚA

Balseiro tamén aclarou que a Xunta, a diferenza do que acontece con outras administracións como a Deputación de Lugo, “que se lavou as máns ante os problemas”, xa está cumprindo os seus obxectivos e está traballando para o impulso da Mariña lucense.

O deputado popular lembrou que o pasado 24 de xaneiro foi o propio Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen visitou o Concello de Mondoñedo, mantivo reunións cos representantes políticos e dos traballadores afectados polo EREs e adiantou as medidas que se están a desenvolver. Entre elas, acordouse a creación dunha comisión de seguimento conformada por representantes da consellería, de Xesgalicia, do Impulsa Lugo ademais do Concello de Mondoñedo e que ten como principal obxectivo avaliar as medidas de impulso ao emprego e de pulo produtivo que se están a desenvolver na Mariña lucense.

“O Goberno galego fará todo o posible para buscar proxectos que se poidan instalar nesta comarca” -dixo o deputado-. “Lembremos que falamos dun territorio que forma parte do ambicioso programa Impulsa Lugo, a través do que a Xunta xa mobilizou investimentos en Mondoñedo por importe de máis de 4,3 millóns de euros, beneficiando a 30 empresas locais”.

Exit mobile version