Nota de prensa
As medidas postas en servizo garanten o abastecemento á unha poboación de 10.000 habitantes que se multiplica por tres en época estival
A Xunta duplica a capacidade de subministro de auga potable aos cidadáns de Foz coa construción de dous novos depósitos e a renovación da estación potabilizadora (ETAP)
As obras permiten duplicar a capacidade de depósito existente, pasando dos 3.900 metros cúbicos de achega no depósito de Foz, aos 8.000 metros cúbicos
Tamén se levou a cabo a limpeza e dragado da captación existente no río Ouro e se renovou a tubaxe de impulsión
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas supervisou as obras realizadas
Foz (Lugo), 8 de febreiro de 2012.- A rede de abastecemento do concello de Foz vén de experimentar un importante aumento na súa dotación, así como na calidade das súas augas, grazas ás obras de mellora executadas pola Xunta de Galicia.
Segundo explicou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, as obras, nas que se investiron 2,4 millóns de euros (un 90% financiados pola Xunta e o 10% restante, polo concello), permiten duplicar a capacidade de depósito existente, pasando dos 3.900 metros cúbicos de achega no depósito de Foz, aos 8.000 metros cúbicos.
Esta mellora permite garantir o abastecemento á poboación de Foz (preto de 10.000 habitantes), que se adoita triplicar na temporada de verán, chegando aos 30.000 habitantes.
En concreto, as obras desenvolvéronse en cinco ámbitos:
Limpeza e dragado da captación existente no río Ouro: limpouse a vexetación e dragouse para aumentar o caudal dispoñible.
Condución captación – ETAP de Foz (lonxitude 3.400 m.): está formada por treito natural e canle de formigón aberta (con e sen tubo) e pechada.
Na canle natural (1.026 m.): limpeza de vexetación, dagrado e estabilización de marxes.
Na canle de formigón: entubación con tubaxe de diámetro de 630 mm. tanto nos tramos abertos non entubados como nos tramos pechados.
Renovación da ETAP existente en Foz: renovación da estrutura metálica dos cinco filtros de area e as instalacións interiores de saída da auga tratada, liña de aire e lavado de filtros polo estado deficiente e envellecido que presentaban. Executáronse novas válvulas de mariposa e tuberías de conexión entre os filtros e as bombas existentes con aceiro inoxidable. Isto permite aumentar o rendemento da planta e garantir o caudal de bombeo, duns 300 m3/h.
Dous novos depósitos de 4.000 m3 cada un en Fazouro: executáronse dous novos depósitos “in situ” con cámara de chaves, que aumenta a capacidade de regulación e almacenamento da rede en 4.000 m3. Anteriormente tan só existía un depósito de 3.900 metros cúbicos.
Renovación da tubaxe de impulsión e dun tramo da de distribución: Renovouse a tubaxe de impulsión desde a ETAP aos depósitos (844 m. de FD400) e o primeiro tramo da tubaxe de distribución desde os depósitos á rede existente (757 m. de FD350).
Investimentos no concello
Coa mellora da rede de abastecemento de Foz, complétase un investimento de preto de 13 millóns de euros en proxectos rematados no concello no que vai de lexislatura , nos que se inclúen o saneamento nas parroquias de San Martiño (2ª fase) e Santa Cilla, o saneamento en Foz e Barreiros así como a mellora na rede de pluviais na avenida da Mariña. Ademais, estase a redactar un estudo previo para acordar a situación da EDAR de Forxán.