Site icon Crónica3.com A Mariña

Ecogaleguistas nace como espazo de renovación no marco dunha alternativa plural da esquerda nacional

Nota de prensa

Concibido como un proceso que se porá en marcha o 25 de febreiro
O espazo Ecogaleguista nace como un referente da esquerda
renovadora e ecosocialista para traballar a prol da unidade
dunha esquerda nacional ampla
Compostela, 13 de febreiro de 2012.- Un grupo de medio centenar de persoas esta a
impulsar un proceso aberto que culmine na construción dunha nova ferramenta política
necesaria para os novos tempos que vivimos.
Quizais esta necesidade sexa xa unha demanda para moitos e moitas desde fai algún
tempo pero o 15-M ten creado un antes e un despois que non podemos arranxar mirando
para outro lado ou insistindo en vías mortas.
Queremos construír un proxecto para multiplicar non para dividir, pero somos conscientes
que ou se aborda unha renovación de ideas e sobre todo de métodos e estilos ou a
unidade soamente se converte en falta de diversidade, e o noso país esta necesitado de
pluralidade que libere enerxías hoxe ‘cautivas’ ou desalentadas co panorama político,
social e cultural actual.
Apostamos por un proceso aberto e dinámico -‘espazo ecogaleguista’-, non pechado nun
acto puntual e polo tanto ao que se poidan sumar persoas en calquera momento.
Temos pensado facer a presentación e iniciar o proceso do ‘espazo ecogaleguista’ o
próximo sábado 25 de febreiro en Santiago de Compostela intentando distancialo dos
procesos asemblearios e congresuais das forzas da esquerda galega hoxe existente.
Tratase dunha iniciativa para sumar e non para restar, por iso non somos alleos aos
debates que se están a producir nas forzas políticas da esquerda hoxe existentes, e en
particular á previsible saída grupal dos ‘renovadores’ do BNG en tanto en canto permiten
abrir expectativas sobre novos espazos amplos e plurais na esquerda galega necesarios.
Pero iso tamén obríganos a desenvolver un polo claro que vaia máis aló dos marcos nos
que se van a mover – os do propio BNG – e incorporar a axenda política elementos de
renovación democrática, cultura nacional máis alo do nacionalismo, e os retos
económicos&ecolóxicos do século XXI.
A resolución aprobada onte na Asemblea de Encontro Irmandiño deixa aberto o camiño
para a construción dunha nova ferramenta nacional e de esquerdas de ampla base
fundamentalmente no seu punto 2º:
“- Construír conxuntamente con todas aquelas persoas que estean a prol dunha nova
organización política desas características unha fronte ampla nacionalista, plural e co
centro de gravidade na esquerda.”
Que permite ao espazo ecogaleguistas ( ecosocialista e renovador ) traballar en procesos
de converxencia.
Confiemos para que os procesos de outras forzas vaian encamiñados nesa mesma
dirección.
PRESENTACIÓNS LOCAIS
Nos próximos días vanse celebrar diferentes xuntanzas para presentar o proxecto a nivel
local:
– A Coruña. Martes 14 de febreiro ás 20,00 horas;
na Galería Sargadelos (rúa Real, 56)
– Ourense. Mércores 15 de febreiro ás 20,00 horas;
no local de Anacos da Cidade (rúa do Paseo, gal. ViaCambre, local 15)
– Pontevedra. Xoves 16 de febreiro ás 20,00 horas;
na cafetería – soto – do Hotel Rúas (praza da Verdura)
– Vigo. Mércores 22 de febreiro ás 20,00 horas;
no Centro Civico Casco Vello (rúa Oliva, 12)
– Vilagarcía. Xoves 23 de febreiro ás 20,00 horas;
lugar por confirmar
( pendentes presentacións en Ferrol, Ribadeo, Lugo e Compostela despois do 25 )
Despois abordariamos unha xornada temática de in-formación para definir as prioridades
programáticas e sociais para o futuro, rematando o proceso cara a primavera.

————
DECÁLOGO DO espazo ecogaleguista PARA UN PROCESO ABERTO CARA A UN NOVO INSTRUMENTO POLÍTICO E UNHA NOVA MAIORÍA DE PROGRESO
Un grupo de cidadáns e cidadás, poñemos en marcha un espazo que abra un proceso
aberto para a constitución dun novo instrumento político cara a unha nova etapa,
conscientes de que o país necesita novas ferramentas de intervención política e de
intermediación cunha sociedade cada vez máis afastada dos instrumentos que ata
agora e durante unha etapa exerceron a súa representación.
Lamentamos que diante dunha situación tan complexa para o país e para a cidadanía
non se avanzase en procesos de converxencia fronte á dereita: exemplo disto foi a
falla de receptividade co que foi acollida polos partidos a proposta da candidatura
cívica ao senado feita por ICB, con outros colectivos e persoas.
Xa hai tempo que moitas persoas nos sentimos orfas de forzas políticas que
representen minimamente a nosa forma de pensar e de entender o mundo e Galicia.
Hai uns meses, ao calor do 15-M, a iniciativa BenComún alertou da situación de
desafección estendida na sociedade cara á esquerda e o nacionalismo en particular. A
iniciativa desenvolveu un traballo interesante, aínda limitado, no campo da
converxencia e renovación partidaria e da coordinación dos movementos sociais. Un
traballo importante que de certo fai falla continuar.
Non obstante, as cidadás e os cidadáns seguimos necesitados de interfaces que nos
representen. Desafortunadamente, os actualmente existentes non entenderon o que
esta a ocorrer nas prazas e na rúa, están ensimesmados nas súas dinámicas
endogámicas, dimitiron das súas tarefas de oposición e, o que é máis grave, non son
quen a vertebrar unha alternativa crible.
Atopámonos nunha situación de bloqueo que está a impedir que xurdan novos
proxectos ilusionantes e atractivos e que posteriormente poidan converxer con outros
grupos xa existentes ou por crear, colaborando no plano electoral, ben sexa en forma
de coalicións ou en proxectos de carácter máis estratéxico.
O xurdimento dunha forza nova non só introduciría a Galicia no marco global de
correntes políticas modernas, como o ecosocialismo, senón que tería un efecto moi
positivo na renovación e converxencia coas forzas xa existentes ou que xurdan destas.
Somos conscientes de que hai moita xente de esquerdas desorientada e/ou
desalentada con respecto ás actuais formacións políticas pero que aínda confían na
reacción interna ou en posibles procesos de refundación. Respectamos e valoramos
estas actitudes e estaremos atentos ao que se poida mover nas actuais estruturas
partidarias pero non queremos, porque coidamos que non debemos, agardar máis.
Non quixemos legalizar outro partido máis, senón iniciar un proceso aberto, onde
podermos ir sumando esforzos individuais e colectivos de converxencia na construción
dunha nova ferramenta para este inicio do século XXI convulso e inzado de incertezas,
complexo e imprevisible, pero que non afoga a nosa esperanza no futuro.
Iniciamos un proceso aberto ás persoas e colectivos que se queiran sumar. Un
proceso que debera culminar nun primeira fase no congreso constituínte dunha nova
forza galeguista ecosocialista na primavera do 2012 e posteriormente nunha grande
alianza nacional de progreso que dispute a hexemonía a unha dereita con agresivas
intencións de recentralización do Estado, restrición dos dereitos e liberdades e
liquidación das conquistas sociais e do estado de benestar.
Unha iniciativa que ten no seguinte decálogo os principios básicos sobre os que
asentar este novo proxecto que se pon en marcha:
1. NEOGALEGUISTA. Tratase dunha forza de caracter nacional que sitúe a
Galicia no centro da súa intervención política e que actúe en función da análise
da nosa realidade, pero construíndo un neogaleguismo cívico que se alonxe do
nacionalismo esencialista e populista que ten impedido que moitos sectores
con clara conciencia nacional se incorporasen ao mesmo. O nacionalismo dos
anos trinta foi vangardista tanto en canto centrou a súa estratexia nas novas
reivindicacións nacionais. O nacionalismo de esquerdas do post-franquismo foi
quen de facer pivotar o seu discurso sobre as cuestións sociais. O galeguismo
do século XXI, o neogaleguismo, terá que integrar as reivindicacións nacionais
e sociais nun conxunto de novos dereitos democráticos, ambientais e
emocionais das persoas, se quere volver a recuperar espazos sociais, e tamén
electorais, nesta nova etapa.
2. ECOSOCIALISTA. O novo partido terá como piares o ecosocialismo galego,
sendo os seus referentes políticos e culturais o sustentabilidade ecolóxica, a
xustiza social global, a cultura da paz e a radicalidade democrática.
Trátase dun proxecto integrador – sen unha única ideoloxía oficial – aberto ás
diversas sensibilidades políticas do altermundismo e da chamada ‘nova
esquerda’ pero na que é fundamental que o carácter democrático e ecoloxista
apareza como elemento medular, fronte aos modelos da esquerda tradicional
produtivistas, estatalistas e/ou totalitarios. Unha definición en conexión coa
contradición central do noso tempo, máis se temos en conta que estamos
nunha terra afectada gravemente pola desvertebración territorial, polo desastre
urbanístico e paisaxístico, polas taxas europeas máis altas de produción de
CO2 (Endesa) ou polos verquidos contaminantes nas costas (desde o Xurelo
ata Nunca Máis).
3. SOBERANÍA CIDADÁ. Na etapa de globalización na que vivimos faise máis
necesaria ca nunca a reafirmación da nosa soberanía nacional, entendida non
de xeito idealizante como a de un ente colectivo abstracto senón como a
soberanía da cidadanía, dos seus dereitos como persoas que conforman unha
colectividade con intereses económicos, sociais, políticos, culturais, lingüísticos
específicos e compartidos. A soberanía nacional é pois capacidade de
autogoberno, pero tamén soberanía alimentaria, produtiva, estética, social.
Construíndo desde a pluralidade unha realidade conformada como un crisol
solidario entre diversos pobos e cidadanías do planeta.
4. SÓ TEMOS UN PAÍS E É DE TOD@S. Galicia é o país de tod@s @s
galeg@s. Ninguén pode patrimonializar nin apropiarse do sentimento de
galeguidade, da súa identidade, do seu patrimonio cultural e lingüístico, dos
símbolos que son comúns a todos e todas. É por iso que o novo partido
diferenciará claramente o seu logo da bandeira do país sobre a que non
impoñeremos símbolos partidarios. Vivimos nun país con dous nomes – Galicia
e Galiza – ambos lexítimos e, o que é máis importante, ambos ligados aos
sentimentos de afecto das persoas cara ao noso pobo. Esa ‘riqueza’ debemos
saber utilizala para construír sen exclusión, de xeito cívico, o noso país por e
para todas as persoas.
5. CONSTRUÍR A ALTERNATIVA ANTIMONOPOLISTA. A necesidade de que a
diversidade social se exprese tamén na imprescindible pluralidade política non
implica obrigatoriamente afondar nas divisións e enfrontamentos. Abonda con
renunciar ao dogmatismo e o sectarismo para construír un partido dialogante e
con afán unitario, que se sitúa unicamente en contra das políticas que
favorecen ao 1% que acumulan riquezas e beneficios fronte ao 99% que vive, e
en moitas ocasións malvive, do seu traballo e da súa creatividade. A difícil
situación que vive a grande maioría das persoas e ameaza ao conxunto do
noso país esixe grandes doses de xenerosidade. O novo partido traballará para
formalizar alianzas políticas estratéxicas estables, coalicións electorais
puntuais e acordos de goberno que vaian en favor da maioría e en contra dos
monopolios desde o respecto á pluralidade e sen ambicións de predominio.
6. INTERACTUANDO EN REDE NOUTROS MARCOS QUE NOS AFECTAN . O
carácter nacional compleméntase coa acción global nun mundo interconectado
e alí onde se aproban políticas que nos afectan. O novo partido debe situarse
no espazo da novas forzas da esquerda europea e internacional. No estado
español a relación en Rede con Equo, ICV, Compromis, IniciativaVerds ou
outras forzas coas que temos proximidade son centrais para a consolidación do
espazo político e a defensa dos nosos intereses nacionais. En Europa
construíndo espazos comúns coas forzas da esquerda continental para a
construción doutra Europa política e social fronte ao modelo especulativofinanceiro.
No planeta interactuando co movemento altermundista en marcha
pola construción dunha alternativa planetaria á globalización antisocial.
7. O PRIMEIRO A SOCIEDADE CIVIL. O novo partido enténdese coma un
instrumento ao servizo da sociedade. A sociedade civil confórmase no social
sobre a base de organizacións e movementos cívicos plurais e variados, desde
o sindicalismo que posibilitou as conquistas laborais que hoxe se están a poñer
en cuestión, ata as correntes nacidas de novas demandas de distintos sectores
(pacifismo, feminismo, ecoloxismo…) e, por suposto, dos ‘novísimos’
movementos de indignación, máis ‘líquidos’, pero que sitúan con claridade as
reivindicacións da rexeneración democrática (15M, DRX, 15O ).
Ese é o cerne do cambio e o partido non vai a instrumentalizar nin por suposto
crear correas de transmisión para condicionar ou manipular os debates sociais,
máis ben ao contrario, vai a asumir e a aprender daquelas esixencias da
sociedade civil organizada que aposten pola defensa do ben común en cada un
dos seus niveis. Neste sentido, consideramos que as leis que regulan dereitos
e obrigas fundamentais deben ser ratificadas pola vontade popular por medio
de referendos. Calquera modificación ou proposición de lei destas
características ou decisións gobernamentais que afecten ás diferentes
soberanías (política, económica, alimentaria…), deben estar sempre avaliadas
pola vontade popular directa, única garantía de que é o conxunto da cidadanía,
sexa cal for a tendencia ideolóxica dos seus membros individuais, a que ten
sempre a última palabra.
8. NOVAS FORMAS DE ENTENDER A POLÍTICA. Os partidos convertéronse en
clubs privados alleos ás necesidades das súas bases sociolóxicas e electorais.
Este distanciamento só se poderá corrixir introducindo elementos de
corresponsabilidade, interacción e transparencia que permitan a participación
aberta da cidadanía, tales como as listas desbloqueadas, a limitación de
mandatos, as votacións primarias abertas aos simpatizantes, a creación de
órganos de control social, etc. Entre os principios irrenunciables están a
democracia e o respecto a todas e todos sen facer do discrepante un disidente,
a aposta pola non violencia e o pacifismo, a paridade entre o home e a muller,
o respecto ao/á compañeir@.
9. PLURAL E ABERTO. Trátase de constituír unha organización de ampla base
e plural. Desde o convencemento de que as formulacións da esquerda clásica
– socialdemocracia e comunismo – están superadas e/ou desactualizadas, o
partido debe estar aberto a persoas que aínda hoxe manteñen e defenden
esas definicións como achegas centrais para a nova esquerda. O proceso
aberto e plural que abrimos non debe impedir que xa desde o inicio teñamos
claras as funcións e tarefas que necesitamos levar adiante con organización e
eficacia. Unha xestora asumirá as responsabilidades colectivas e individuais
necesarias para levar adiante este proceso.
10. O VALOR DO ACTIVISMO E A ÉTICA. Queremos construír unha organización
onde o valor do activismo e a ética sexan elementos medulares. Soamente hai
unha corrupción peor cá corrupción económica: a corrupción moral. Faise
necesario o rendemento de contas permanente e o cumprimento das propostas
programáticas, a honestidade fronte á corrupción, a democracia xenuína, así
como o diálogo e o compromiso como bases para o entendemento e o acordo.
Diante de eventuais actuacións ilícitas non valen escusas de ningunha caste.
Apostamos por recuperar a acción política da cidadanía no senso republicano
do termo. Ningún membro da directiva política do novo partido cobrará polas
súas funcións. No caso de seren necesarias tarefas profesionais contratarase a
técnicos subordinados a responsables políticos. Os cargos institucionais
cobraran unha parte do seu salario e non poderán exercer máis de dous
mandatos.
10+1. NON TEREMOS ESTRUTURA DA MOCIDADE. O novo partido non practicará
paternalismo coa súa xente moza nin tampouco necesitará de espazos para
lanzar propostas que non é capaz de lanzar directamente por radicais ou
politicamente inconvenientes. Cremos na participación da mocidade en pé de
igualdade e por iso non crearemos estruturas específicas de mocidade. Cousa
distinta é asinar protocolos de colaboración cos organizacións da mocidade
existentes.
En Compostela a 9 de decembro de 2011

Exit mobile version