Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Burela e Ecos do Sur presentan un servizo para mulleres migrantes que abriu a princpios de mes

Nota de prensa

O VINDEIRO XOVES TERÁ LUGAR A PRESENTACIÓN OFICIAL DO SERVIZO PARA MULLERES MIGRANTES (INMIGRANTES OU EMIGRANTES RETORNADAS) DE BURELA QUE VEÑEN DE POÑER EN MARCHA O CONCELLO E A ONG ECOS DO SUR.

Burela, 14 de febreiro de 2012. O vindeiro xoves, 16 de febreiro, ás catro e media da tarde terá lugar a presentación oficial do servizo para mulleres migrantes de Burela que veñen de poñer en marcha o Concello e a Ong Ecos do Sur.

A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, indicou que “o programa de atención a inmigrantes do Concello de Burela acaba de firmar un convenio de colaboración coa Ong Ecos do Sur. Ecos do Sur é unha entidade independente e sen ánimo de lucro, que traballa dende 1991 pola integración social e laboral das persoas migrantes, así como doutros colectivos en risco de exclusión. O servizo para mulleres migrantes de Burela está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. O custe que ten para o Concello é de cero euros”.

A edil popular explicou que “as consultas realizaranse os primeiros e terceiros xoves de cada mes, na sede da Fundación Expomar, en horario de 16:30 a 19:00 horas. Ecos do Sur, en colaboración co Concello de Burela, proporcionará asesoría xurídica, laboral e social gratuita ás mulleres inmigrantes ou emigrantes retornadas do municipio”.

Diana Durán dixo que “o obxectivo fundamental deste convenio de colaboración é dar un paso máis cara a integración social e laboral das mulleres inmigrantes no concello de Burela, ademais de promover a inserción laboral, mellorando a súa empregabilidade e evitando no posible situacións de precariedade e explotación laboral. Tamén hai que destacar a importancia de facilitar información suficiente e axeitada sobre dereitos xurídicos, sociais e laborais, deberes e recursos existentes, promover o asociacionismo, facilitar o empoderamento das mulleres inmigrantes e prestar asesoramento xurídico e laboral específico en estranxeiría ao colectivo migrante”.

A concelleira de Servizos Sociais invita a todas as interesas a asistir á presentación oficial de dito programa o vindeiro xoves, 16 de febreiro, no salón de Conferencias Municipal ás 16:30 horas, “alí nese encontro explicaremos cal é o funcionamento do servizo aos representantes das asociacións de inmigrantes rexistradas no Concello de Burela”.

Exit mobile version