CIG-A Mariña tratará da Reforma Laboral da Folga Xeral do 29-M nunha asemblea en Burela
Nota de prensa
CIG-A Mariña celebra asemblea de delegadas/os para abordar a Reforma Laboral e preparar a Folga Xeral do 29-M.
A asemblea celebrarase mañá día 1 en Burela e marcará o inicio da campaña que culminará o 29-M coa Folga Xeral.
A CIG da Mariña abordará mañá coas súas delegadas e delegados a Reforma Laboral, explicando esta e a súa incidencia na acción sindical. Esta é unha Reforma que, segundo o Goberno busca, por un lado loitar contra o desemprego e por outro flexibilizar o mercado de traballo. Pero a realidade é que simplemente cun sucinto repaso ao contido da mesma, resulta evidente que será unha Reforma inútil e ineficaz en ambos cometidos. Esta reforma laboral non servirá para crear emprego. Simplemente se tomou o pretexto da crise para desequilibrar a balanza das relacións laborais para a banda da empresa e expandir o medo á perda do emprego como poderosa ferramenta de logro de beneficios. As medidas adoptadas polo Goberno do PP o que van facer é reducir o consumo á mínima expresión polo que non só cada vez haberá máis parados, senón que os autónomos, comerciantes… verán en serio perigo os seus negocios ante a falta de clientes e movementos. É unha Reforma que, unha vez máis, conleva que os pobres sexan máis pobres e os ricos máis ricos, que unha vez máis, faga cargar á parte máis débil coa rémora dunha crise que xeraron outros, os mesmos que agora paradoxicamente voltan a ser beneficiados con esta medida.
E na nosa comarca esta Reforma pode ser a gota que desborde o vaso logo da situación de agonía laboral e económica na que nos atopamos logo dos ERES de Hermida, Ecar,Mon, Ecesa, Sargadelos…
Polo tanto a CIG vaise opoñer enérxica e contundentemente a esta Reforma e para iso ten preparada unha intensa campaña de concienzación e mobilización social que tinguirá de actos o país en xeral e a nosa comarca en particular.
O primeiro deses actos será mañá xoves 1 en Burela onde se explicará ás delegadas e delegados o contido da reforma, a importancia de informar do mesmo nos centros de traballo e a necesidade de combater ese tipo de medidas.
Por outra banda o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, a CIG ten convocadas manifestacións nas 7 cidades galegas. Dado o simbolismo dese día e a especial situación que a clase traballadora sufre nestes momentos agardamos que a presenza sexa masiva. Neste caso dende CIG A Mariña fretaremos autobuses dende as localidades para acudir á manifestación de Lugo.
Asimesmo , e dada a importancia que esta Reforma Laboral ten, xa que probablemente sexa o maior ataque aos dereitos laborais da clase traballadora, dende a CIG A Mariña convocaremos asembleas abertas e a pé de rúa nas principais localidades mariñás, asembleas que non están confirmadas aínda en lugar, data e hora pero que publicitaremos convenientemente.
Estes actos veranse ademais acompañados por outros que mañá se decidirán na Asemblea de delegadas/os , así como de asembleas en todos centros de traballo e repartos de material.
A campaña rematará o día 29 de marzo, antes que remate a tramitación parlamentaria da Reforma, coa Folga Xeral que a CIG tén convocada e para a que ante a gravidade do que se nos aveciña convidamos ao resto de centrais sindicais a sumarse á mesma.