Cervo presenta as actividades do Entroido 2012
-Haberá desfiles, un espectáculo de play-back ofrecido por nenos e nenas e unha cea-baile o Día de Comadres
-O prazo para apuntarse nos desfiles de San Ciprián e Cervo remata o 17 de febreiro nos dous casos
Cervo, 12 de febreiro de 2012-O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe todos os detalles da programación do Entroido deste ano incluíndo as actividades que se desenvolverán nas vilas de Cervo e San Ciprián. Uns programas que se estiveron perfilando nestes días en xuntanzas entre representantes do Concello e das distintas asociacións implicadas e que xa están pechados. En ambos casos haberá os tradicionais desfiles de disfraces e comparsas así como outras actividades de entretemento.
O primeiro deses actos terá lugar o vindeiro venres 17 de febreiro, Día de Comadres. Trátase dunha cea-baile no restaurante O Noso Lar de San Ciprián. Todas as mulleres que queiran participar terán que anotarse no propio establecemento hostaleiro ata o día 14 deste mes e para iso deberán abonar 18 euros no momento de apuntarse.
Ao día seguinte, o 18 de febreiro, ás 18:30 horas os protagonistas serán os cativos, que ofrecerán un espectáculo no salón de plenos da Casa Consistorial de Cervo. En concreto, consistirá nun play-back infantil no que os nenos e nenas farán imitacións de artistas de actualidade perfectamente caracterizados.
Os desfiles de disfraces e comparsas tamén estarán presentes como é tradicional no Entroido. No caso de Cervo, o desfile terá lugar o domingo 19 de febreiro ás 18:00 horas polas rúas da localidade. A comitiva sairá do pavillón da vila, onde unha hora antes se concentrarán todos os participantes. As persoas ou grupos interesados en formar parte deste evento poden apuntarse ata o día 17 poñéndose en contacto coa asociación Airiños do Xunco, aínda que tamén poden facelo no momento da concentración, ás 17:00 horas do mesmo día.
En canto ao desfile de San Ciprián celebrarase o Martes de Entroido, o 21 de febreiro, ás 18:00 horas. As persoas, grupos ou comparsas que desexen participar neste acto terán que inscribirse e poden facelo ata o 17 deste mes achegándose ata a Casa da Cultura de San Ciprián en horario de oficina. En ambos eventos elixiranse os mellores disfraces e comparsas en distintas categorías e farase entrega dos correspondentes premios.
Dende o Concello, a edil de Cultura Tania González agarda que o Entroido sexa un éxito “e por iso animamos a todos os cervenses a implicarse nos distintos actos para entre todos poder facer un Entroido dinámico e participativo”.