O CONCELLO CAMBIARÁ MAÑÁ VENRES OS COLECTORES DE RECOLLIDA DO ACEITE VEXETAL DOMÉSTICO POR UNS NOVOS NOS QUE SERÁ POSIBLE DEPOSITAR ESES RESTOS DIRECTAMENTE EN BOTELLAS. PATRICIA LÓPEZ AGARDA QUE ASÍ O SISTEMA DE RECOLLIDA MELLORE E SE INCREMENTE A SÚA UTILIZACIÓN. ADEMÁIS OS HOSTALEIROS E INDUSTRIAS QUE O DESEXEN DISPORÁN DUNS ENVASES ESPECIAIS. O ÚNICO QUE TEÑEN QUE FACER É POÑERSE EN CONTACTO COA DELEGACIÓN DE MEDIO AMBIENTE.
Burela, 9 de febreiro de 2012. O Concello cambiará mañá venres os contedores de recollida do aceite vexetal doméstico por uns novos colectores nos que será posible depositar ese aceite usado directamente en botellas. A edil de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, explica que “se retirarán as 10 unidades existentes na actualidade e colocaránse nunha primeira fase catro colectores co novo sistema. Se este sistema funciona, nunhas semanas instalaríanse os outros seis e a finais de ano dous máis”.
A concelleira popular lembrou que “en abril de 2008, dada a importancia de xestionar correctamente os residuos de aceites vexetais domiciliarios e para evitar a vertedura dos mesmos á rede de sumidoiros, o que supón unha elevada contaminación da auga, o Concello de Burela implementou un servizo de recollida destes residuos a pé de rúa, coa instalación de dez colectores nos que o depósito dos residuos se realizaba por baleirado do aceite a través dun colador situado no propio colector”. López Eijo indicou que “a resposta dos veciños a esta iniciativa foi nun principio positiva, recolléndose dende abril a decembro do 2008 un total de 5244 litros de aceite usado, co cal se evitou unha contaminación de 5.768,4 m3 de auga. Sen embargo, a recollida de aceite foi decaendo ano a ano e así no 2009 recolléronse 4.660 litros, no 2010 foron 3.700 e xa no 2011 só se depositaron nos colectores habilitados para ese fin 1.760 litros de aceite vexetal doméstico”.
Coa chegada ao Concello do novo equipo de goberno, éste atopouse con numerosas reclamacións de veciños que reivindicaban que se tomaran medidas nos emprazamentos dos contedores de aceite, “posto que a miúdo aparecían envases con residuos e mesmo aceite na beirarrúa ao pe dos colectores, algo que daba un aspecto nada adecuado para o pobo”. Ante todas estas reclamacións e á vista do descenso considerable na recollida do aceite que se viña producindo nos últimos anos, a Concellería de Medio Ambiente constatou a necesidade de proceder á modificación do servizo. Patricia López Eijo anuncia que “así cambiaranse os colectores actuais por outros nos que se pode depositar directamente o aceite envasado no seu interior. É dicir, agora non se vai verter o aceite a través dun colador, senón que se depositará a propia botella directamente no contedor”. A edil de Medio Ambiente pídelle aos veciños de Burela que “pechen ben as botellas antes de tiralas no colector, para evitar derrames no interior, e que por favor non deixen as botellas ao pe do colector, senón que as depositen dentro do mesmo”.
Maña venres, 10 de febreiro, a partires das 9 da maña procederase á retirada dos 10 colectores de aceite actuais e colocaranse, nun principio, 4 co novo sistema para ver a eficacia do seu funcionamento. Patricia López indica que “si o novo sistema da bos resultados, a finais de mes está previsto que se coloquen os 6 colectores restantes, e para decembro colocaranse 2 máis, co cal incrementaríanse o número de contedores en 2 unidades”.
A selección da ubicación dos 4 contenedores de proba realizouse en base aos datos dos últimos anos. Colocaranse nos puntos onde máis aceite se recolleu de media, e son estes: Av. da Mariña, fronte á praia do Portelo; rúa pardo bazan, nº 3; e rúa Rosalía de Castro, nº 47 e nº 80.
Esta mellora do sistema de recollida do aceite usado “non lle vai supoñer ningún custo ao Concello, posto que dende a Delegación de Medio Ambiente, explicóuselle á empresa de recollida os continuos problemas que nos estaban causando os actuais colectores, e conseguimos que nos fixera o cambio completamente gratuíto. Ademáis a empresa de recollida comprometeuse co Concello a prestalo servizo de recollida de aceites de cociña usados de forma gratuíta en tódolos locais de hostalería, colectividades e industrias que así o demanden. Sen embargo, esta recollida non se efectuará nos colectores situados a pé de rúa, senón que se efectuará en envases especiais e adecuados para este fin, cunha capacidade de 50 litros, que a empresa de recollida entregará aos distintos locais de hostalería que así o desexen. Polo tanto, todos aqueles locais de hostalería, colectividades e industrias interesadas neste servizo que se poñan en contacto coa Concelleira de Medio Ambiente”. Patricia López agarda que “este novo sistema facilite a recollida de aceite e que esta recollida vaia en aumento.”