Nota de prensa
A XUNTA SUBVENCIONOU NUN 75% O DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE DE ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO DA MARIÑA
Os colectivos beneficiados polas axudas desenvolveron nos últimos meses actuacións orientadas a potenciar a participación social das mulleres
Lugo, 14 de febreiro de 2012.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, subvencionou nos últimos meses a realización de actividades para a promoción da igualdade que levaron a cabo cinco asociacións sen ánimo de lucro da comarca da Mariña: Asociación Familiar de Amas de Casa de Ribadeo, Asociación Mulleres de San Ciprián, Asociación Mulleres Rurais Porta Norte, Asociación Mulleres Rurais Espalladoras e Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Alborada.
A colaboración da Xunta materializouse mediante unha liña de axudas na que os colectivos puideron participar en réxime de concorrencia competitiva. Así, as achegas da Administración autonómica permitiron sufragar arredor do 75% do montante das actuacións previstas polos cinco colectivos da Mariña que resultaron beneficiados.
Con estas subvencións facilitouse, por unha banda, a realización de actividades orientadas á promoción de hábitos de vida saudables e, por outro, a consolidación do movemento asociativo, compensando os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
En termos globais, a colaboración recibida por parte das asociacións da Mariña ao abeiro desta liña de axudas supuxo case a cuarta parte do montante total correspondente a toda a provincia, que ascendeu a preto de 33.000 euros.