Site icon Crónica3.com A Mariña

SOS Sanidade Pública recollerá 1.500 sinaturas contra a política de recortes e privatizacións na Mariña

Nota de prensa

A PLATAFORMA NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA MARIÑA RECOLLERÁ NA MARIÑA 1.500 SINATURAS DE APOIO Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR NA DEFENSA E PROMOCIÓN DA SANIDADE PÚBLICA EN GALIZA

A Plataforma SOS Sanidade Pública promove a Iniciativa Lexislativa Popular coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo Goberno Galego para garantir o dereito constitucional á protección da saúde da cidadanía galega.

Coa Iniciativa pretendemos

– Manter a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade, como responsabilidade do Goberno galego

– Manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza

– Mellorar a capacidade resolutiva en atención primaria dotándoa do persoal e medios tecnolóxicos suficientes, cunha cobertura equilibrada en todo ou territorio galego e para toda a poboación.

– Mellorar a xestión sanitaria mantendo as actuais áreas sanitarias como espazo para a planificación e xestión unitaria dos recursos sanitarios que garanta a equidade e a racionalidade.

A Mariña, 17 de febreiro de 2012. A Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña iniciará unha recollida de sinaturas de apoio á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR NA DEFENSA E PROMOCIÓN DA SANIDADE PÚBLICA EN GALIZA. Dende a Plataforma aclararon que este é un primeiro paquete de 1.500 sinaturas que se ampliará coas que sexan necesarias a fin de que a cidadanía mariñá poda mostrar o seu descontento co progresivo e constante deterioro do sistema público de saúde galego. Dende a Plataforma quixeron deixar claro que esta iniciativa non vai contra ninguén, senón que trata de garantir o mantemento e promoción dun sistema sanitario público, gratuíto, universal e de calidade que neste momento está en perigo debido á política de recortes e privatizacións iniciadas polo actual goberno galego.

A Plataforma non esquece que o Decreto de Xestión Integrada pesa como unha lousa para o futuro mantemento da Área Sanitaria única da Mariña.

Dende a plataforma mariñá da que forman parte partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais e de doentes sinalaron que esta iniciativa non está ao marxe da reivindicación básica que moveu á creación da plataforma na Mariña que sigue sendo o mantemento da Área Sanitaria Única na comarca para evitar que o decreto de xestión integrada, xa posto en práctica polo goberno galego noutras zonas do país, acabe arrastrando á nosa comarca a un deterioro maior na calidade asistencial.

O Hospital da Costa, a pesar do maquillaxe, sigue ocupando os postos mais altos nas listas oficiais de espera cirúrxica so por debaixo dos complexos universitarios de Santiago e A Coruña.

Dende a plataforma quixeron “rebaixarlle os fumes” ao director xerente do Hospital da Costa que fai uns días presumía da rebaixa nas listas de espera a que lle lembraron que o Hospital da Costa é o terceiro dos catorce centros hospitalarios da rede pública galega só por debaixo dos grandes centros de Santiago e A Coruña. “Nin as maquillaxes, nin os constantes traslados de doentes á privada conseguen rebaixar os elevados tempos de espera que se producen en cirurxía.”

Constante incremento de fondos públicos para a sanidade privada e recortes no servizo público que afectan gravemente á calidade asistencial.

Na comparecencia lembraron que o goberno galego non deixa de incrementar as partidas de fondos públicos cara á sanidade privada, neste ano 4 millóns de euros irán para á sanidade concertada en Lugo, pola contra os recortes nos fondos para o servizo público provocan a falta de substitucións nas baixas do persoal que se ve obrigado a duplicar servizos así como a aparición de problemas no abastecemento de determinados materiais e servizos que antes se viñan prestando con normalidade, empeorando a calidade e provocando o desánimo entre o persoal sanitario.

A plataforma chamou aos partidos políticos a defender nos plenos municipais o sistema sanitario público galego.

Dende a plataforma chamaron aos partidos políticos da comarca a defender e promocionar nas institucións locais o sistema público de saúde e anunciaron que trasladarán ao conxunto dos concellos e partidos políticos con representación na comarca unha moción de apoio a esta iniciativa lexislativa.

Pon último convidaron á cidadanía mariñá a sumarse a este esforzo na defensa dun servizo tan esencial como é a sanidade pública convidando a apoiar o pregos de sinaturas que se distribuirán polos concellos e centros de traballo da comarca poñendo a súa sinatura a fin de conseguir que a Iniciativa Lexislativa Popular chegue ao parlamento galego co maior número de apoios posíbel.

Exit mobile version