Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación potenciará a asistencia xurídica ós concellos da provincia coa activación dun portal web

Nota de prensa

A Deputación potencia a asistencia xurídica ós Concellos, que

o pasado ano demandou o 75% dos municipios da Ribeira Sacra

– Díaz Valiño iniciou en Monforte unha xeira de reunións informativas sobre as novas liñas de cooperación ás entidades locais que pon en marcha o organismo provincial: asistencia económico-financeira e activación dun portal web de servizos xurídicos

– Os encontros con alcaldes e empregados municipais da provincia continúan mañá, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos de Burela, e o venres, ás 10:00, no salón de Actos da Deputación

A Deputación de Lugo potenciará a asistencia xurídica que dende o ano 2008 lle presta ós Concellos da provincia coa activación dun portal web a través do que as entidades locais terán acceso a un gran fondo de documentación neste ámbito para a súa consulta. Esta plataforma on line e a asistencia en materia económico-financeira son as dúas novas liñas de cooperación cos Concellos que o organismo provincial pon en marcha nesta mesma semana e que precisamente o Deputado delegado da área, Juan José Díaz Valiño, acompañado da responsable provincial de Economía, Pilar García Porto, presentou este mércores no Salón de Plenos do consistorio de Monforte de Lemos ós alcaldes e empregados públicos da Ribeira Sacra.

O Deputado de Cooperación iniciou deste xeito unha xeira de reunións informativas con representantes municipais de toda a provincia, que continuarán mañá, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos de Burela –dirixida ós Concellos da Mariña-, e o venres, ás 10:00, no Salón de Actos da Deputación –para os municipios das comarcas de Lugo, A Montaña, A Ulloa, Terra Chá e Sarria-.

A Zona Sur é unha das máis activas en materia de cooperación, como demostra que o 75% dos municipios requirisen o pasado ano 2011 asistencia xurídica da Deputación. En concreto, foron: Carballedo, A Pobra do Brollón, Pantón, Chantada, O Courel, Monforte, Ribas de Sil, Sober e Taboada. Entre as prestacións demandadas encóntranse a elaboración de 7 informes e ditames de diversa índole (por exemplo, de incidencia ambiental, sobre convenios de colaboración ou ampliación e apertura de actividades agropecuarias) e consultas telefónicas, que sumaron 38.

Tamén é intensa cos Concellos da Zona Sur a liña de cooperación en materia de recursos humanos. Deste xeito, no período comprendido entre 2008 e 2011, Chantada (con 792) foi, tralo de Viveiro, a segunda entidade local da provincia que máis consultas telefónicas fixo neste ámbito, e A Pobra do Brollón, o cuarto, con 613. A Deputación elaborou un plan de ordenación de recursos humanos para A Pobra do Brollón, Concello no que ademais prestou asistencia en tribunais de selección de persoal en 4 ocasións. Para O Courel confeccionou unha RPT (Relación de Postos de Traballo) e elaborou informes de diversa índole para Chantada, en concreto 7, entre eles un sobre os riscos por radiación do persoal do Concello; para A Pobra do Brollón, 5; e para Ribas do Sil fixo 2 informes.

Así mesmo, hai 9 localidades da Ribeira Sacra (A Pobra, Carballedo, O Courel, Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada) que están adheridas ó Sistema de Recadación Provincial, posto en marcha no 2008 e a través do que as entidades locais, que delegan na Deputación a recadación de impostos municipais, reciben un adianto deses tributos mes a mes, o que lles garante ingresos e liquidez, ademais de ver rebaixado do 6 ó 3% a porcentaxe que deben aboar en período voluntario.

Máis aforro ós Concellos

As novas liñas de asistencia que a Deputación pon en marcha esta mesma semana potenciarán o traballo en rede cos municipios da provincia, e repercutirán “nun importante aforro de custes para as arcas locais, nunha maior axilidade administrativa e nunha racionalización dos seus recursos”, recalcou o Deputado de Cooperación. En canto á asistencia en materia económica-financeira ábrese “porque a consideramos transcendental para o equilibrio e sustentabilidade das arcas municipais, nun contexto de máximo rigor económico e no que cada vez se lles esixe ós Concellos que cumpran con máis requisitos, cando están escasos de recursos”. Entre as vantaxes deste novo servizo, Díaz Valiño destacou que, “ademais de axudarlles a cumprir co principio de legalidade, facilitaremos que os Concellos aforren custes, evitándolles que teñan que contratar empresas externas; gañen axilidade, ó liberar deste tipo de labores ós seus empregados municipais; e optimicen recursos, pois farémoslles estudos de custes para determinar como resulta máis viable ou como poden aforrar nun determinado servizo público, tales como os de recollida de lixo, subministro de auga, alumeado, axuda a domicilio…” Engadiu así mesmo que os Concellos garantirán achegas autonómicas e estatais, pois “axudarémoslles a que teñan as contas ó día, e que estean correctas, de xeito que se axustarán ós prazos de fiscalización que deben cumprir para poder recibir axudas da Administración galega e central”.

Polo que respecta ó portal web de servizos xurídicos, Díaz Valiño explicou que cada un dos municipios ten un usuario e unha contrasinal para que os empregados públicos habilitados accedan dende a páxina http://cooperacionconcellos.deputacionlugo.org, pinchando no apartado Servizos en Liña para os Concellos, a un “gran fondo de documentación on line dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano, no que, cun só click, poderán consultar ditames, novidades lexislativas, sentenzas, ordenanzas e regulamentos, bases de datos xurídicas, dúbidas sobre a linguaxe xurídica galega, etc., o que redundará nunha maior axilidade e eficacia da administración e da súa relación cos cidadáns”, afirmou o Deputado. Ademais de toda esta información, os Concellos contan neste portal web coa posibilidade de facer consultas particulares. Este sistema garante celeridade na formulación e na contestación das consultas, pois os Concellos poden formular as dúbidas que se lles presenten e recibir unha resposta individualizada sen as formalidades que se esixen para os ditames ou informes.

Exit mobile version