Nota de prensa.
RIBADEO ACOLLERÁ OS DÍAS 27 E 29 DE XANEIRO UNHAS XORNADAS DE OBSERVACIÓN DE AVES. OS INTERESADOS XA PODEN INSCRIBIRSE NA OFICINA DE TURISMO.
Ribadeo, 18 de xaneiro de 2012. Ribadeo acollerá os días 27 e 29 de xaneiro unhas xornadas sobre observación de aves, segundo ven de anunciar o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O edil nacionalista sinalou que “o día 2 de febreiro celébrase o día mundial dos humedais polo que en Ribadeo organizamos unhas xornadas de observación de aves, que serán os días 27 e 29 de xaneiro”. O 27 ás seis e media da tarde na Casa das Letras haberá unha conferencia sobre Os humedais de Galicia: a ría de Ribadeo, a cargo de Pablo Ramil Rego, vicerrector da Universidade de Santiago de Compostela e ex director do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural. E o 29 terá lugar unha visita a diferentes puntos da ría de Ribadeo “parando en zonas que sexan aptas para a observación das aves. Iremos en autobús, que sairá ás 10 da mañá da oficina de turismo. As prazas serán limitadas e a inscrición farase persoalmente na propia oficina de turismo ou chamando ao seu teléfono 982 128 689”.
Horacio Cupeiro lembrou que “a ría de Ribadeo é unha zona ZEPA (zona de especial protección de aves), e está incluída dentro da lista de humidais protexidos polo convenio internacional de Ramsar”. E subliñou que “agora mesmo é unha época idónea para poder observar as aves na ría porque están dentro do período migratorio e veñen aquí pasar o inverno fuxindo do frío do norte de Europa”. O concelleiro de Medio Ambiente agara que “acuda bastante xente a esta visita pola ría, que será dirixida polos ornitólogos locais Enrique Sampedro e Pablo Fernández. Animamos á xente a que veñan con nós e aprecien a cantidade de aves que hai neste estuario”.
As Concellarías de Medio Ambiente e Turismo promoven así unha nova forma de aproveitamento do contorno de Ribadeo, compatible co mantemento dos valores naturais, co valor engadido de coincidir o máximo interese ornitolóxico nun período de afluencia de visitantes habitualmente baixa.