Que pasa coa herdanza dos Moreno?
O último episodio, ata o momento, saltou coa paralización da obra en curso na torre, nova na prensa e comunicado de da empresa Intemac sobre o tema. O obra segue parada, a dirección de obra dimitida e a empresa consultora que levaba máis de dúas décadas facéndolle o seguemento, lavándose as mans de agora en diante. O edificio, apuntalado (o custe diario dos puntais coido que faría bo o telos mercado de comezo, seguro que saía a conta), o desoncerto, asegurado e o seu futuro dudoso despois de insistirse nos informes unha e outra vez na urxencia da actuación. A nivel municipal parece que se deixa o mínimo movemento de anos anteriores en mans da parte privada, que antes non se movía e que co cambio de propiedade parece que está máis interesada en rendibilizar o capital invertido na compra, faltando por saber se eses intereses coinciden cos ribadenses.
De calquera xeito, a historia da Torre é para outro momento, máis extensa, quizáis por capítulos, pois é longa é ó tempo, está comezando nunha fase que podería ser terminal. Fariña doutro costal son as vidrieiras da capela do cemiterio. Van xa 14 meses dende que se produxo o seu expolio, e aquí non se sabe nada. Por non saber, a xente ignora mesmo onde están os anacos que quedaron (por certo, deben estar no almacén do concello en Vilaselán). Lévanse escrito xa unha cantidade considerable de artigos sobre o tema, pero un ano despois continúa unha especie de pacto de silencio no Pazo de Ibáñez, e botando unhas contas para poñer todas as vidrieiras por un montante que pode que chegue para repoñer unha soa ó estado orixinal (eu mesmo teño botado contas sobre o tema nun artigo anterior).
Por parte da AVV O Tesón, depois da publicación en internet de ‘As vidrieiras da capela do cemiterio’, puxémonos como obriga que non se esqueceran os feitos, que se aclararan e se buscaran responsabilidades, na procura de dous obxectivos. O primeiro, que se evitaran no futuro e no posible, novos expolios gratuítos, o que só se logrará se quen é responsable se fai sentir responsable de xeito público e dalgún xeito purga esa irresponsabilidade sendo consciente a cidadanía desa purga. O segundo, porque a aclaración de responsabilidade nos feitos axuda á aclaración de responsabilidade na restitución das vidrieiras ó estado anterior, coa reposición dos anacos no encaixe, a feitura de novo dos xa irrecuperables ou a montaxe en marcos que non queden en ferruxe como lle pasou ós anteriores.
A última actuación polo momento da asociación veciñal foi o plasmar tanto nas participacións de lotería como na felicitación do Nadal imaxes coas vidrieiras, e na labor de lembranza continuamos.
Agora mesmo parece haber unha oportunidade para ‘valorizar’ as vidrieiras en tanto non se recuperan como é debido. Aí está un novo espazo que no futuro se pode adicar a exposicións, aínda que non polo momento non esteña inaugurado oficialmente, o da fábrica de Alxinatos. Lugar que podería artellarse para a de exposición dos restos, cun marco de historia e fotografías de como estaban (ver o colgado en internet), algo que implica actuacións e estudos de calquera xeito moi convintes, senón necesarias, pensando en facer unha reposición das vidrieiras. E que non é labor tampouco de hoxe para mañá, pero si unha acción para comezar.
Unhas vidrieiras de hai preto de noventa anos, cada unha con seiscentas pezas de vidro posiblemente realizadas por Luis Lertxundi na bilbaína Vidrieras de Arte, S.A., insertadas nunha capela nun cemiterio construído a aprtires de 1922 para ser cedido por Juan Moreno y Ulloa ó concello, son un elemento artístico moito menos visible que a Torre dos Moreno pero tamén distintivo de Ribadeo. E non pode ser abandoado así como así na súa destrucción. A mostra dos restos pode ser un primeiro paso para devolver ó pobo o que do pobo é.
Hai algún tempo pedimos dende O tesón a exposición de ideas. Neste caso, a idea é unha exposición.
Antonio Gregorio Montes