PAIS DE JAUJA
Instalados na barbarie, dende hai tempo, membros dos partidos con representación municipal, a miúdo ofrecen o bochornoso espectáculo que non fai senon confirmar que seguimos a ser ese país de Jauja, no que a falta de respecto institucional á cidadanía, fai que ésta sufra a agresión dialéctica dunha crase dirixente que neses casos amósase irreverente e bravía, coa soez e incontrolada dialéctica, que lles impide distinguir a lexítima defensa dos seus plantexamentos, sempre respectables, co que nunha sociedade moderna, civilizada, de nivel cultural digno e distendida convivencia, deben ser as actitudes e procederes das persoas que tanto loitaron por ocupar os postos dende os que están obrigados a irradiar a exemplaridade dun comportamento cívico decoroso e que, de non ser capaces de facelo así, mellor que se dedicaran a outra cousa. Xentes que non hai moito suplicaban o voto precisamente ós que agora escarnecen co seu insultante proceder…
E para maior contrariedade cunha emisora de radio ó seu dispor que se encarga de espallar a toda a bisbarra a agreste e indigna conducta; labor, a da emisora, que para nada implica aos seus válidos e honestos traballadores.
O que suscribe era consciente de que ese ía ser o labor estrela da mesma: servir de altofalante ós improperios das dignísimas autoridades, pronóstico doado de facer: abondaba con coñecer o percal. Por eso, cando Radio Foz comezou a retransmitir os plenos, o cronista, confidencial e repetidamente, suxerira ao entón concelleiro de cultura, e responsable da mesma, que non o fixeran, porque as ondas radiofónicas chegan moito mais alá dos lindes municipais e que a radio, que debería ser medio idóneo para divulgar e potenciar a cultura popular e o diálogo entre os cidadáns, a animación social, aglutinante de vontades que promovese o achego entre as persoas, a solidaridade e a mútua colaboración, podería converterse, ó contrario, en motivo de contribución activa ó noso desprestixio. E a fé que nonos equivocamos.
¿Por cánto tempo seguiremos a ser un “País de Jauja”…?
Suso Fernández
Cronista oficial de Foz