Nota de prensa
FOZ PREPARA A I RUTA DE VIÑOS QUE SE CELEBRARÁ DO 24 DE FEBREIRO AO 1 DE ABRIL. ANTES CHEGARÁ A II FESTA AFRODISÍACA E DESPOIS A FESTA DO MEXILÓN.
Foz, 18 de xaneiro de 2012. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz segue a perfilar o calendario das actividades previstas para os próximos meses. Onte directiva e hostaleiros mantiñan unha xuntanza de traballo para analizar as propostas plantexadas pola ACIA e para organizar outras novas.
Os días 10 e 11 de febreiro terá lugar a II Festa afrodisíaca, “que facemos coincidir con San Valentín. Nesta ocasión os platos estarán preparados co marisco da nosa costa”, segundo explica o presidente da asociación, José Carlos Paleo. ACIA Foz prepara unha nova cita tamén para o mes de febreiro. Trátase da I Ruta de viños, que se celebrará do 24 de febreiro ao día 1 de abril. Paleo sinalou que “estamos a ultimar o programa que se desenvolverá ao longo deses días e tamén os premios”.
A mediados de marzo será a festa gastronómica do mexilón e tamén a promoción comercial do día do pai. E xa na semana santa será o concurso de tapas. O presidente de ACIA Foz asegurou que “a xuntanza de onte foi moi importante, porque recollemos as suxerencias que nos plantexaron os hostaleiros e tamén a súa opinión sobre as festas que se realizan no pobo. Queremos entre todos potenciar e consolidar todas as que viñemos organizando e que tiveron unha boa acollida entre os nosos veciños”. José Carlos Paleo engadiu que “agora o que imos facer é dar a coñecer todas estas festas e propostas nas comarcas que están vinculadas con Foz. Aquí temos moita xente con segunda residencia procedente de Ponferrada e da zona centro de Asturias, entre outros lugares, e queremos que saiban o que estamos a preparar. Foz tamén recibe moito turismo de fin de semana e haberá prezos especiais de estancia para os días nos que se celebren as nosas festas gastronómicas”.
A Asociación de Comerciantes de Foz non descansa. Ao longo das vindeiras semanas rematará de organizar todas estas propostas e continúa coa celebración durante este mes do Campañazo do bingo. Quedan dous sorteos os días 20 e 27. O premio por sorteo será de 300 euros en vales de compra para gastar no comercio local durante o mes de febreiro. Paleo adianta que “si cantamos máis dun bingo por sorteo, o primeiro levará os 300 euros en vales de compra, e os outros 100 euros en vales de compra. Esto farémolo nos dous sorteos que quedan deste Campañazo do bingo de xaneiro de 2012”.