Site icon Crónica3.com A Mariña

Finou Isaac Díaz Pardo, aos 91 anos de idade; persoas e entidades amosan o seu pesar

Isaac Díaz Pardo finou hoxe, xoves 5 de xaneriro, no Hospital San Rafael de A Coruña aos 91 anos de idade; os restos mortais serán trasladados ao tanatorio Servisa da cidade.
Isaac Díaz Pardo naceu en Compostela no ano 1920. Galego, traballador, emprendedor, intelectual implicado coa vida do seu pais, participou activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía. A súa traxectoria foi destacada con numerosos  recoñecementos. Isaac Díaz Pardo estaba moi ligado a costa de Lugo

Vídeo resume da súa traxectoria vital chea de clarividencia e amor por Galiza

COMUNICADOS

Secretario do Parlamento de Galicia

Ante a mala nova do recente pasamento de Don Isaac Díaz Pardo, gran intelectual galego, quero deixar a miña constancia, como Secretario do Parlamento e veciño de Cervo, dun sentimento de dor por tan sensible perda, por se trata ademais dun galego comprometido coa súa terra e coa súa cultura, pola que sempre deu mostras de constante defensa e dedicación.

Na Mariña lucense sentimos un especial cariño por esta persoa, xa que é fillo adoptivo de Cervo e fundador dunha industria senlleira a cerámica de Sargadelos, entre outras moitas actividades.

Ao tempo quero transmitirlle a súa familia e amigos as miñas condolencias e solidariedade neste momento de dor.

Jose Manuel Balseiro Orol

O BNG DE CERVO MOSTRA O SEU PESAR E AS CONDOLENCIAS A FAMILIA POLO PASAMENTO DE ISAAC DIAZ PARDO

Cervo, 5 de xaneiro de 2011. O BNG de Cervo mostrou o seu pesar e a súas condolencias á familia polo pasamento na mañá de hoxe de Isaac Díaz Pardo. Os nacionalistas cervenses lamentaron o pasamento de Issac Díaz Pardo a quen cualificaron como unha das figuras mais relevantes da historia moderna de Galiza polas súas aportacións para a construción nacional de Galiza senón tamén, polo seu traballo en Cervo, onde foi fundador xunto con Luís Seoane da Cerámica de Sargadelos e gran impulsor da recuperación do Conxunto Histórico de Sargadelos, unha obra que aínda está por rematar cuxo remate seguindo as directrices fixadas no Plan de Recuperación do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos do que foi promotor, debería ser o maior homenaxe que os e as cervenses lle deberiamos facer a quen foi nomeado fai escasamente un ano fillo adoptivo do concello.

Inxente traballo en favor da construción política e cultural do país

Dende o BNG lamentaron profundamente o pasamento do intelectual, artista e promotor galeguista e trasladaron á súa familia o pesar polo seu falecemento na mañá de hoxe na cidade de Compostela. Os nacionalistas por medio do seu portavoz municipal Xoán Antón Estúa, quixeron agradecer o intenso traballo de Isaac a favor da cultura galega e a recuperación dos sinais de identidade nacional de Galiza, dende o seu traballo en favor do Estatuto de Autonomía do 1936 até fundación da Cerámica de Sargadelos ou o Real Patronato de Sargadelos que promoveu a recuperación do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, pasando pola fundación do Laboratorio de Formas, Edicións do Castro, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información ou o Seminario de Estudos Galegos.

A mellor homenaxe que lle poderiamos facer en Cervo sería completar o seu traballo pola recuperación do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

Para os nacionalistas o traballo iniciado por Isaac Díaz Pardo na recuperación do Conxunto Histórico de Sargadelos coa fundación do Real Patronato de Sargadelos que buscaba a recuperación deste enclave onde se asentaron as antigas fábricas fundadas por Raimundo Ibañez merece ser completado “dando así a mellor homenaxe ao seu promotor”. Segundo Estúa , Isaac ademais “promoveu a elaboración dun Plan para a Recuperación do Conxunto Histórico de Sargadelos que xa está rematado e debería ser a guía a seguir se queremos dar cumprimento aos desexos de Isaac.”

O presidente da Xunta expresa o pesar do Goberno e de todos os galegos polo falecemento de Isaac Díaz Pardo, “o mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia”

Agradece o seu labor por facer unha Galicia “máis rica, máis culta e máis orgullosa de si mesma”

Asegura que o multifacético intelectual é “un espello no que mirarnos todos os galegos”

Gaba a súa xenerosidade por formalizar o ano pasado a cesión do seu fondo bibliográfico e documental á Biblioteca da Cidade da Cultura, “unha achega de incalculable valor para Galicia”
ReadSpeaker

Santiago, 5 de xaneiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o pesar do seu Goberno e de todos os galegos polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Feijóo amosou o seu recoñecemento ao impresionante legado do intelectual, e agradeceu o seu labor por facer unha Galicia “máis rica, máis culta e máis orgullosa de si mesma”. O presidente da Xunta asegurou que Díaz Pardo é un espello “no que mirarnos todos os galegos” e salientou que se trata do “mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia”.

O titular do Goberno galego asegurou que o multifacético intelectual, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario construíu o seu legado pensando en Galicia, e resaltou que a Galicia de Díaz Pardo non se entende sen unha cultura galega, “unha cultura de nós, propia e única, que el mesmo se encargou de preservar, fornecer e reconstruír desde as dúas beiras do Atlántico”. “A ese compromiso de Isaac Díaz Pardo pódeselle poñer un nome, o nome dun país: Galicia. Cando a Galicia coa que soñaba Don Isaac máis lonxe estivo de ser unha realidade, con máis folgos loitou por ela”, engadiu.

O presidente galego gabou a xenerosidade de Díaz Pardo ao formalizar o ano pasado a cesión do seus fondos bibliográficos e documentais á biblioteca da Cidade da Cultura. “Trátase dunha achega de incalculable valor para Galicia, unha achega cultural de incalculable valor para a sociedade galega en xeral e tamén para a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura”, manifestou.

Gómez Besteiro levará ó próximo Pleno unha declaración institucional en recoñecemento de Isaac Díaz Pardo

– O Presidente expresou á familia do intelectual galeguista finado o seu sentido pésame e o da Corporación Provincial nun telegrama enviado esta mañá

– O titular provincial destacou o “extraordinario traballo de dinamización socioeconómica que levou a cabo Díaz Pardo na provincia como refundador e impulsor de Cerámica Sargadelos”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, expresou as súas condolencias e as da Corporación Provincial polo falecemento este xoves do intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, “un piar esencial da nosa cultura, que desenvolveu un inxente labor como deseñador, pintor, ceramista, editor e empresario”. Nun telegrama enviado esta mañá, Gómez Besteiro manifestou o seu sentido pésame á familia de Díaz Pardo, que, segundo destacou, “particularmente na provincia de Lugo desempeñou un extraordinario traballo de dinamización socioeconómica como refundador e impulsor de Cerámica Sargadelos, converténdoa nun referente tanto a nivel cultural como social”.

Así mesmo, o Presidente avanzou que levará ó próximo pleno da Corporación Provincial unha declaración institucional en recoñecemento “da ampla e dificilmente igualable traxectoria de Isaac Díaz Pardo en favor da difusión da cultura galega no mundo, así como do seu enorme legado artístico”. Besteiro quixo destacar tamén o impulso do histórico galeguista ó Estatuto de Autonomía e o seu fundamental papel en institucións como o Seminario de Estudios de Sargadelos, Edicións do Castro, Laboratorio de Formas, Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información, así como a súa labor como conferenciante e articulista.

ADEGA expresa o seu pesar polo pasamento de D. Isaac Díaz Pardo

Na mañán de hoxe, 5 de xaneiro de 2012 finou D. Isaac Díaz Pardo aos 91 anos. Toda unha vida de compromiso con Galiza, exemplo de coerencia, valentía, intelixencia e amor pola nosa terra. Dende ADEGA lamentamos a perda deste home insustituíbel para a historia de Galiza e agardamos que as institucións e a cidadanía galega saiban estar sempre á altura do seu exemplo e do seu legado. En 2009 ADEGA concedeulle a D. Isaac o primeiro premio Osíxeno de Honra pola súa traxectoria vital e profesional de compromiso co país e coa nosa cultura. Hoxe queremos expresar, xunta co noso fondo pesar a convición de que, coma D. Isaac demostrou, as utopías poden realizarse con vontade e valentía. ISAAC DÍAZ PARDO, PATRIOTA GALEGO BO E XENEROSO!

Pesar na agrupación cultural Francisco Lanza pola morte de Díaz Pardo

Desde a A. C. Francisco Lanza queremos manifestar o noso fondo pesar pola morte do gran defensor da cultura galega Isaac Díaz Pardo.

Díaz Pardo non só estivo vinculado coa nosa comarca, senón tamén particularmente con Ribadeo, e moitas veces a través da nosa agrupación cultural. Debemos lembrar e destacar que Isaac colaborou coa A. C. Francisco Lanza durante moitos anos na organización da Feira do Libro Galego de Ribadeo. Desde o 1972, ano en que a nosa asociación comezou a facerse cargo da feira, Díaz Pardo puxo á nosa disposición o seu fondo de libros, non só os da Editorial do Castro, e deunos todo tipo de facilidades para levala a cabo. El mesmo visitaba a feira algunha xeira e acompañaba aos membros da asociación que a atendían.

Na A. C. Francisco Lanza trataremos de honrar e homenaxear a Díaz Pardo continuando cos seus esforzos de dignificación de Galiza, da súa lingua e cultura.

Ribadeo, 5 de xaneiro de 2012

Dores Fernández Abel
Presidenta.

O secretario do Parlamento de Galicia e Tenente de Alcalde do Concello de Cervo, Jose Manuel Balseiro Orol, visitou hoxe a capela ardente do recoñecido artista Isaac Díaz Pardo, instalada no Museo do Pobo Galego.

O parlamentario acompañou ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e á presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, nunha emotiva homenaxe que lle está a brindar a cidadanía galega que abarrota o recinto.

Balseiro transmitiu -persoalmente- o seu pesar á familia do intelectual galeguista e sumouse ás palabras de Alberto Núñez Feijóo quen calificou a don Isaac como un persoeiro “insigne e irrepetible” na historia da cultura galega, coa que tan comprometido estaba.

Por último, Jose Manuel Balseiro participará no enterro civil no ceminterio de Boisaca.

Jose Manuel Balseiro Orol

Deputado – Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version