ADEUS A ISAAC
Non vamos facer exaltación algúnha da personalidade de quen é sobradamente coñecido e por moitas capas da sociedade admirado. En todo caso xa o temos feito, desde estas páxinas, cando menos en dúas ocasións: o 8/ 8/ 08 e o 26/2/ 10, con ocasión de serlle concedidas as Medallas de Ouro de Galicia e a do Mérito nas Belas Artes, respectivamente, suxerindo o oportuno dunha homenaxe conxunta dos concellos mariñáns, como recoñecemento ós indubitables méritos do insigne intelectual e empresario.Pero xa se sabe o que pasa cos políticos cando de marchar unidos se trata…
Lembrábamos en ambos comentarios a positiva e transcendental incidencia que a obra de Isaac tivera, e ten, para a vida social, cultural e económica da Mariña, así como o prestixo que Sargadelos significou, e significa, para a bisbarra, que ten nel un dos seus primeiros atractivos turísticos , mesmo nese obxetivo, tan cacarexado, da desestacionalización turística que ó remate quédase en pura demagoxia, pois nunca os nosos gobernantes nin colectivos mais afectados fixeron ren por acadalo como, por outra banda, nos teñen acostumados.
Neste repaso a voapluma do carisma de Díaz Pardo permítanos, lector amigo, unha alusión persoal. Coñecimos a Isaac o ano 1971. Artellábamos nós a primeira edición do que foi un exitoso acontecemento: a Feira de Arte Popular de Galicia (nominación suxerida por él), que ofrecía o atractivo inédito naqueles tempos dos artesáns traballando á vista do público. Era evidente que a presencia de Sargadelos, que non levaba mais dun par de anos cos seus productos no mercado, sería dun beneficioso impacto. Presentámonos a Isaac, a quen non coñecíamos, e expuxemos a nosa intención ó tempo que solicitábamos a súa colaboración e asesoramento. A resposta foi de inmediato positiva: o seu fillo Xosé diseñou o cartel e a firma participaría cun stand que era, coido lembrar, a primeira vez que o facía nun certame desas características, para o que, ademais, dotouno dunha instalación ad hoc.
A partires daí mantivemos unha relación cordial que co tempo voltouse entrañable e ´epocas houbo nas que, sempre por razóns puramente culturais e sociais, os nosos encontros foron mais frecuentes e intensos.
Isaac Díaz Pardo foi investido Cabaleiro da Orde do Mariscal Pardo de Cela pola Asociación O Mundo de Galea, nunha xornada inesquecible, cunha memorable intervención de Isaac que tivera por marco a Torre de Alfoz. Quédalle a este cronista a honra de ser partícipe activo na iniciativa e hoxe sente a mágoa da perda de quen, sendo personaxe único e irrepetible, foi entrañable amigo.