Nota de prensa
A Xunta creará en marzo o grupo de traballo co sector para trasladar a Bruxelas unha postura de Galicia única e consensuada sobre a Política Común de Pesca
* Rosa Quintana sinalou que se traballará seguindo as bases asentadas no documento de análise e proposta de modificación da PCP, realizado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga
Santiago, 18 de xaneiro de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana reuniuse esta mañá cos voceiros de pesca dos tres grupos parlamentarios en Galicia para avaliar a proposta galega para a futura Política Común de Pesca e determinar a estratexia a seguir para trasladar a Bruxelas as actuacións que se consideren importantes na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego. Segundo sinalou a conselleira, unha vez consensuadas as propostas entre Xunta e grupos parlamentarios, serán trasladadas “nos primeiros días de marzo” ao Consello Galego de Pesca, onde se constituirá outro grupo de traballo co sector que dará continuidade á estratexia establecida por Galicia.
Rosa Quintana sinalou que se traballará seguindo as bases asentadas no documento de análise xurídica e proposta de modificación da PCP, realizado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, no que se abordan os puntos fundamentais das propostas. A titular do Medio Rural e do Mar amosou a súa confianza na capacidade de Galicia para elaborar un documento consensuado, “do mesmo xeito que se fixo para o Libro Verde”, no que “todos os subsectores da pesca cederon un pouco do seu para gañar en conxunto”.
Búsqueda de argumentos clave
A conselleira do Medio Rural e do Mar insistiu en que o obxectivo dos grupos de traballo é buscar argumentos que lle dean máis peso ao sector pesqueiro, porque a PPC vai afectar a toda Galicia e a todos os sectores relacionados coa pesca. Destacou que cos grupos parlamentarios se tratarán aspectos como o sistema de TACs e cotas, que é prexudicial para a maioría da frota pesqueira de altura.
Ademais analizarase con detalle a aposta da Comisión Europea de eliminar os descartes de pesca, a implantación do sistema de esforzo pesqueiro e farase fincapé en intentar contar coa mellor información científica posible sobre as distintas especies para defender os intereses da frota ante a UE.