Untamanteigas
Xa o martes puidemos comprobar como na nova do trixésimo aniversario da constitución do Parlamento Galego se lle daba máis protagonismo ao señor Rajoy que a outras persoas que participaran no mesmo e que desempeñaran un papel moito máis relevante que o seu en dito acto inaugural. Pero todo sexa facerlle as beiras ao novo señor. Por certo, que foi da prima aquela dun tal Risco? E dos prazos do AVE? Morra o conto, rapaz; déixate de lerias, que agora tocan outras cousas. Ou ti non entendes?!
Non contentos con nos querer facer tragar unha cunca de caldo ás atregoadas, e con unto ben rancio, aínda para mesmiño despois da investidura do señor Rajoy tíñannos preparados uns callos de vaca vella (e ben vella). Velaí ao primeiro galego presidindo o goberno español. Toque a rebato: todos firmes! A partir de agora, todo resolto para o noso país. Que temos recomendación! Trifásico!!! Pero é que xa non lembran ao señor Calvo Sotelo? Non é que queira caer en localismos barateiros e estériles, pero non se pode ignorar un dato tan básico. Sobre todo, cando hai pouco tempo se cubriu a noticia do seu pasamento dando cumprida información do seu labor como presidente do goberno aló polos anos 81 e 82.
Este é un dos graves problemas ao que se pode ter que enfrontar todo gobernante. Os untamanteigas que che enchen a cabeza de vento, fanche a rosca, pásanche a man polo ombreiro e ólenche os peidos. É tan deprimente o ambiente que conseguen crear no seu contorno que podes acabar vendo ôhilillos de plastilinaö onde todo é chapapote. Mesmo poden lograr que un paisano teu te escoite dicir aquilo de que o barco vai aló no quinto pino e o vexa á beira da súa casa. Non creo que faga falla borrar o pasado para dignificar o presente. Ben orgullosos poden estar do señor Rajoy no PP, pero non queiran reescribir a historia.
Farruco GRAÑA