Nota de prensa
A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E DANZA DE RIBADEO ANTÍCIPASE AO FIN DE ANO.
Ribadeo, 16 de decembro 2011. Ribadeo celebrará este sábado, 17 de decembro, ás 18.00 horas no auditorio municipal Hernán Naval a noite de fin de ano de xeito anticipado. Será no marco do festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) da localidade co que se pon fin ás actividades académicas do primeiro trimestre no centro e que nesta ocasión ten como temática central unha gala de anovello retransmitida a través da radio no que non faltarán as uvas, o cotillón, as badaladas e moitas outras sorpresas coa música dos alumnos e alumnas do centro como banda sonora.
“Cada ano aventurámonos en novas propostas manténdonos fieis a tres piares: tentamos facer boa música, que as alumnas e alumnos que participen no festival disfruten e aprendan enriba do escenario e que a xente que se achega ao auditorio o pase o mellor posible”, sinala Hugo García, director da EMMeD de Ribadeo. O claustro de profesoras e profesores do centro pide “a maior participación posible da xente para facer deste adianto do remate de 2011 unha verdadeira festa de fin de ano traendo uvas, uns figos, pasas ou o que vexan para acompañar as doce badaladas que non faltarán no auditorio municipal e para entrar co mellor dos pés posibles no Nadal e máis no ano vindeiro”.
O festival de Nadal é unha das actividades tradicionais da programación cultural destas datas na localidade en nel interveñen boa parte das trescentas alumnas e alumnos da EMMeD en diferentes agrupacións (música tradicional, percusión, vento-metal, guitarras, pianos, danza, música e movemento, entre outros).