NOTA DE PRENSA
PARA OS SOCIALISTAS OS CASOS DE MOBLES HERMIDA E DE ECAR SON CONSECUENCIA DA FALTA DE INICIATIVA DA XUNTA NA MARIÑA E RECLAMA A FEIJÓO QUE NON SIGUA APLICANDO A POLÍTICA DE BRAZOS CAÍDOS EN MATERIA DE INDUSTRIA
Ismael Rego reprocha a Feijóo que ten todas as competencias para promover políticas económicas, industriais e de emprego para evitar que Galicia sexa líder na destrución de empresas en España
O Grupo Socialista votou favorablemente unha iniciativa consensuada por todos os grupos para, entre outras medidas, instar ás Administracións a formular un plano de desenvolvemento para a Mariña
Santiago, 28 de decembro de 2011. O parlamentario socialista, Isamel Rego, recriminou hoxe á Xunta que, nos tres anos de Goberno de Feijóo a Mariña Luguesa estivera “desaparecida dos Orzamentos de Galicia”.
Tamén acusou aos populares de ter paralizado iniciativas que xa estaban en marcha pola anterior Administración galega, como a promoción de vivenda pública, infraestruturas viarias de enlace coa estrada nacional ou os accesos ó porto de Burela ou a ampliación do Hospital comarcal.
Rego aproveitou tamén para reprochar á Xunta que non inclúa nos Orzamentos de 2012 obras anunciadas durante a campaña electoral das municipais, como o macroproxecto do porto de Foz.
O deputado socialista fixo fincapé no esquecemento da comarca por parte da Xunta por considerar que desta “falta de investimento da Administración” ao longo dos últimos anos causou “ a desincentivación da iniciativa privada”. Considera pois que os caso do ERE de Mobles Hermida e do anuncio de peche de ECAR se debe precisamente á falte de compromiso cunha comarca “periférica das máis activas e emprendedoras”.
CO GOBERNO DE FEIJÓO GALICIA LIDERA A DESTRUCIÓN DE EMPRESAS
O parlamentario socialista argumentou con titulares de prensa a súa acusación de que non “existe política de emprego nin industrial en Galicia” desde que goberna Núñez Feijóo. Así esgrimiu os rotativos onde se recolle que Galicia é líder na destrución de empresas, que se pechan tres veces máis negocios que no resto do país, ou outro no que denuncian un notable aumento dos concursos de acreedores.
Recordou Rego que cando Touriño era presidente, Núñez Feijóo chegou a recriminarlle cómo podía durmir tendo competencias exclusivas en política económica e industrial e en creación de emprego con 175.000 parados. “Pois agora que é Presidente, debémoslle dicir que a Galicia non se lle retirou ningunha competencia e durme con 250.000 desempregados”, en alusión á falta de iniciativa do Executivo galego en materia de emprego e ao incremento do paro no país.
Por esta razón e ante situacións tan graves como as que se chegou nos casos de Mobles Hermida e ECAR, Rego aconsellou ao Grupo Popular que procederan “aos cambios necesarios no Goberno”, para evitar situacións como a de Mobles Hermida, onde logo de ter recibido importantes axudas para a promoción do emprego o conselleiro de Industria “se queda de brazos cruzados” en lugar de negociar coa empresa solucións para evitar que de marche á rúa o 50% da plantilla e que a empresa poida cumprir con eses obxectivos aos que se teñen comprometido, mediante, por exemplo, a inxección de liquidez.
ACORDO NA CÁMARA PARA INSTAR Á XUNTA
Os socialistas chegaron a un acordo cos grupos Popular e do BNG, en semellantes termos ao aprobado no Concello de Mondoñedo:
1º Instar á Xunta de Galicia a que se dirixa ao grupo empresarial FINSA ao obxecto de que reconsidere a súa decisión de pechar a factoría ECAR e a estudar posibles alternativas para garantir a súa continuidade e a dos postos de traballo.
2º Instar ás administración competentes a establecer negociacións co grupo empresarial FINSA co obxectivo de evitar o peche da fábrica ECAR en Mondoñedo e garantir os seus postos de traballo, así como tamén establecer as negociacións oportunas co grupo Mobles Hermida dirixidas a garantir o mantemento do emprego e a viabilidade da empresa.
3ºInstar á Xunta a impulsar a colaboración coa Deputación, o Estado e os concellos a formular un plano de desenvolvemento industrial con apoio público para contribuír á dinamización económica da comarca e, nomeadamente, dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá.