Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esíxelle ao alcalde de Cervo que non suba o recibo da auga ate solucionar os problemas da turbidez

Nota de prensa:

OS SOCIALISTAS ESÍXENLLE A VILLARES QUE NON APLIQUE A SUBIDA PREVISTA NO RECIBO DA AUGA ATA QUE SOLUCIONE O PROBLEMA

-Lembran que “o señor alcalde se empeñou en negar o evidente e agora non podemos consentir que os veciños paguen máis por uns servizos peores”

-Dende o GMS destacaron que “ademais dos trastornos ocasionados no día a día dos veciños, son moitos os comerciantes que notaron a merma de clientes polo mal estado da auga”

CERVO, 15 DE DECEMBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo, despois de que o alcalde, Alfonso Villares, recoñecese nestes últimos días a existencia do problema da auga, problema do que veñen alertando os socialistas dende hai tempo, insisten “en que o señor Villares atenda á petición, que no seu día fixemos ó equipo de goberno, para dar marcha atrás á aplicación dunha subida do 41% no recibo da auga”.

Os socialistas esixen que “o incremento aprobado en solitario polos membros do PP e cos votos en contra do GMS, non se faga efectivo polo menos ata que o Concello solucione o problema. E incluso, consideramos que o máis xusto sería unha reducción, pois levamos meses soportando a turbiedade da auga”.

Dende o GMS lembran que o señor Villares se empeñou en negar a evidencia e a solución chega moi tarde, “esiximos que todo volva á normalidade canto antes, pero non podemos pagar máis por un servizo que vai a peor. En todo caso, os veciños teríanse que ver compensados cunha reducción no seu recibo. Isto podería terse solucionado moito antes, e os cervenses non deben pagar a mala xestión do seu alcalde”.

Subliñan que ademais do trastorno ocasionado no día a día dos veciños, son moitos os comercios que se viron perxudicados, “algúns hostaleiros aseguran que a xente non vai tomar os cafés porque non hai quen os tome. As perruquerías notan a merma de clientes pois recoñecen que os resultados non son os mesmos. Levamos co problema moito tempo, afectando ó consumo diario, á alimentación e á hixiene persoal, e agora non se pode consentir que os cervenses teñamos que pagar máis por uns servizos peores”.

Exit mobile version