Nota de prensa
OS SOCIALISTAS CREN QUE AS OBRAS DO EMISARIO CHEGAN TARDE, MAL E ARRASTRO POLA FALTA DE COMPROMISO DE VILLARES COS CERVENSES
-Amosaron a súa alegría por esta boa noticia pero temen que “este anuncio non sexa realidade, xa que a Xunta de Galicia non reflexou estas obras nos orzamentos do vindeiro ano 2012”
-Dende o GMS pídenlle a Villares que “madure políticamente porque parece que soluciona os problemas cando non ten outra administración a quen botarlle a culpa e cando non queda máis remedio”
CERVO, 14 DE DECEMBRO. A Agrupación Socialista de Cervo amosou a súa satisfacción logo de coñecer as últimas declaracións do alcalde, Alfonso Villares, nas que anunciaba a licitación das obras de construcción do emisario submariño de San Cibrao, “evidentemente alegrámonos moito por esta boa nova, e esperamos que sexa realidade, porque de compromisos e promesas estamos escaldados”.
Lembraron que xa no ano 2009, o señor Villares asegurou que el mesmo se ía encargar de darlle solución a este problema, que xurdiu a maiores, “como vemos, a finais de 2011, dous anos despois, e seguimos igual. Esperamos que este anuncio que chega tarde, mal e arrastro sexa verdade, únicamente polo ben de tódolos cervenses, dado que parece incrible que teñamos paralizada unha inversión de case cinco millóns de euros para prestar un servizo imprescindible no Concello máis de dous anos”.
Os socialistas esixen que esta promesa sexa unha realidade no menor tempo posible e non quede nun simple anuncio coma no 2009, “o compromiso do PP puidose ter demostrado nos orzamentos para o vindeiro ano 2012, pero a Xunta de Galicia non reservou ningunha partida presupostaria para a realización destas obras. Dende o Partido Socialista sí insistimos, e presentamos unha emenda ós orzamentos para que o compromiso do que tanto falan se vise reflexado”.
Dende o GMS esíxenlle a Villares que “madure políticamente, porque o que non podemos consentir é que se dé solución a un problema cando non queda máis remedio, cando os veciños están fartos de soportar a falta de saneamento, cando existe unha necesidade imperiosa de dar unha solución. O equipo de goberno debe asumir os problemas dende o principio. Levamos máis de tres meses insistindo en que se poñan a traballar, agora como non teñen outra administración a quen botarlle a culpa, parece que se ven na obriga e se preocupan un pouco máis”.
Esperan que Villares non siga actuando como un neno pequeno coas súas pataletas e solucione definitivamente o problema, “en 2005 non lle deu a gana de poñer a disposición os terreos que se necesitaban para levar adiante o proxecto, en 2009 fixo unha promesa que de momento aínda non cumpliu e agora volve a anunciar a solución ó problema, esperemos que á terceira valla a vencida. Non ten a quen botarlle a culpa e os veciños non podemos seguir soportando esta situación”.