Nota de prensa:
Barreiro deixa a Deputación e o Concello “pero seguirá traballado pola provincia de Lugo”
Apela á coherencia e á responsabilidade para argumentar a súa renuncia “meditada e consensuada” cos seus compañeiros nas dúas corporacións e sobre todo “ó respeto que lle debe a todos os votantes do Partido Popular”
Lugo, a 30 de decembro de 2011.- José Manuel Barreiro anunciou hoxe durante unha rolda de prensa, á que asistiron a meirande parte dos integrantes do Grupo provincial popular, a súa decisión de renunciar ós seus cargos de edil no Concello de Lugo e de deputado provincial.
Barreiro apelou á “coherencia” e á “responsabilidade” para argumentar a súa decisión que, segundo dixo, “foi meditada e consensuada cos seus compañeiros no grupo municipal e provincial, así coma nos órganos de dirección do partido”.
Segundo explicou, a labor encomendada polo presidente Mariano Rajoy para que se fixera cargo da dirección do Grupo popular no Senado non permite a asunción do seu traballo ó fronte do grupo provincial e mesmo como edil en Lugo “coa dedicación e entrega que tales cometidos requiren tanto polo respeto que me merecen os veciños que maioritariamente votaron ó Partido Popular coma os meus propios compañeiros”.
Matizou, nembargantes, que esto non suporá abandoar a defensa dos intereses dos lucenses, “o meu principal cometido”, porque, segundo recalcou, “débome a esta provincia”. Neste senso, insistiu en que traballará por Lugo dende o Senado e “tamén dende Lugo” como presidente provincial e coma coordinador dos cargos electos que representan á provincia no Parlamento galego, o Congreso e o propio Senado.
Barreiro tamén aproveitou para facer balance destes “intensos e enriquecedores” anos no grupo provincial e municipal e agradeceu o respaldo que “sempre tiven dos meus compañeiros”.
Segundo anunciou, despois de que se faga efectiva a súa renuncia nos plenos provincial e municipal e sexa sustituido por Francisco Balado e Juan Carlos Plaza Gómez respectivamente, a portavocía do Grupo provincial será asumida pola ata agora voceira adxunta Elena Candia. Fernado Pensado, segundo dixo, continuará como voceiro adxunto.