Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo repróchalle ao goberno municipal que preserve a sangría impositiva

Nota de prensa

O PP DE RIBADEO REPRÓCHALLE Ó GOBERNO DO BNG QUE PERSEVEREN NA SANGRÍA IMPOSITIVA

Na mañá de hoxe vén de celebrarse unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación de Ribadeo na que tres dos puntos da orde do día eran reclamacións ás taxas que impuxo o goberno do BNG. Debatíase a resolución de varias alegacións presentadas á aprobación provisional das ordenanzas sobre impostos e taxas que rexerán no Concello durante o ano 2.012 durante o seu preceptivo período de exposición pública.
O propio feito de existiren estas alegacións vén a demostrar que a oposición enérxica que amosou o PP no Pleno en que se debateu a suba dos impostos non era tan só unha idea deste partido senón que era compartida polos veciños que así o expuxeron ben a título particular, a través da Asociación veciñal “A Atalaia” e da Asociación de comerciantes.
O Alcalde rexeitou de plano todas as suxestións que se lle fixeron a excepción de un incremento de media hora no horario de peche das terrazas, supoñemos que para acalar a ACISA con esta misérrima concesión. Pero, ademais de exercer, unha vez máis, o absoluto poder de manobra que lle proporciona a súa maioría absoluta, mentiu á oposición e, por ende, a aqueles que presentaron as alegacións. O Sr. Suárez aseverou no Pleno que a súa oposición a contemplar as alegacións baseábase nos informes de intervención, sendo absolutamente falso pois, en TODOS os informes técnicos ás alegacións, se fai mención a aqueles aspectos lexislativos que se consideran e que, en efecto, invalidan algúns aspectos puntuais pero se especifica que outras consideracións “son cuestións de oportunidade ou política”. É dicir, de ser a vontade do equipo de goberno aceptar estas cuestións non sería un problema e de non aceptarse, como así fixeron, será atribuíble exclusivamente a unha decisión política.
A postura do Partido Popular foi apoiar, salvando aquelas cuestións que foron rexeitadas especificamente por cuestións técnicas, todos os escritos de alegacións. Consideramos especialmente grave que se teñan denegado as peticións feitas pola Asociación de Comerciantes que, vindo respaldadas pola sinatura de máis de 200 socios son unha clarísima expresión da vontade do sector. Nós estamos dacordo con lexislar sobre o tema das terrazas que non pode ser un mundo sen lei por tratarse de solo público e ser, ademais, factor importante para a vida ordinaria dos ribadenses e para a impresión que da vila leve quen nos visite, pero estamos en absoluto desacordo co xeito en que se está a facer. O equipo de goberno cambiou por completo a ordenanza que estaba en vigor encomendándose tan só ó seu modesto criterio; deixaron, como xa estamos afeitos, a súa anunciada vontade de consenso no esquecemento e obviaron a opinión da oposición e, o que é máis importante, a do sector. Para o BNG era prioritario acadar a aprobación definitiva antes do 31 de decembro para iniciar a suculenta recadación no 2.012.
Chegou o Alcalde a referir que se aproba así e “xa se irá vendo”. E nós preguntámonos ¿qué seguridade poden ter os hostaleiros con este tipo de afirmacións? ¿non sería máis produtivo intentar chegar a acordos co sector que, aínda levando máis tempo en negociacións, redundaran en unha norma máis xusta e aceptada por tódalas partes?
En opinión do Partido Popular, este tipo de actitudes din bastante do talante de quen nos goberna que, amparándose no dereito que lle deron os votantes a decidir, está a defender tan só as “súas” posturas e dando as costas á realidade dos nosos negocios e das nosas familias.

Exit mobile version