Nota de prensa
José Juan Durán Hermida visita hoxe as instalacións portuarias deste pobo acompañado do deputado popular e outros cargos públicos locais
BALSEIRO SINALA QUE COA INAUGURACIÓN DA MARIÑA SECA EN SAN CIPRIÁN PORTOS DE GALICIA CUMPRE UN MANDATO PARLAMENTARIO
Foi o 4 de novembro cando a Comisión de Pesca e Marisqueo aprobaba unha iniciativa promovida polo propio Balseiro instando á realización desta zona de varada de embarcacións moi demandada polos usuarios do porto.
Insiste en que a oposición ten que pedir perdón por intentar engañar aos veciños ao poñer en dúbida que se fora a realizar esta obra pese a que xa está plenamente executada
Cervo, 29 de decembro de 2011.- Jose Manuel Balseiro Orol sinalou que hoxe coa inauguración da obra da mariña seca no peirao de San Ciprián o ente público autonómico Portos de Galicia cumpre un mandato parlamentario e dota a estas instalacións portuarias dun novo servizo de grande utilidade para os seus usuarios.
Foi o pasado 4 de novembro cando na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia debateuse unha iniciativa promovida polo propio Jose Manuel Balseiro na que se pedía á administración autonómica que executara esta obra. Balserio facíase eco, deste xeito, dunha grande demanda existente na localidade e, moi particularmente, das peticións dos socios do club náutico sancibrense.
MENTIRAS DA OPOSICIÓN
Balseiro tamén quixo lembrar os intentos da oposición por facer crer que esta obra non se levaría adiante, “incluso aseguraron que non dispoñía de orzamento”. Pero “a realidade é que aquí está rematada e hoxe inaugurada, polo que socialistas e nacionalistas deberan como mínimo pedir disculpas por pretender engañar aos veciños”.
San Ciprián conta xa coa súa mariña seca: unha zona de varada das embarcacións para poñelas en seco, para resgardalas da resaca ou dos golpes de mar, e tamén para efectuar nela operacións de arranxo, mantemento ou limpeza. A instalación conta tamén cunha estrutura metálica a modo de marquesina que protexerá aos usuarios do porto das inclemencias climatolóxicas.