NOTA DE PRENSA
Declaracións do portavoz municipal
Nos pasados días, os veciños contemplamos cómo o Concello procedeu a desconectar durante a noite máis pontos de luz, no casco urbano, co obxecto de reducir a factura eléctrica que, como se sabe, é abultadísima. Que conste que o enorme gasto non é somente imputable ao alumeado público. Existen instalacións municipais cun gasto exhorbitante, por diversas circunstancias. E para non ser demagogos, o goberno municipal debería informar, por exemplo, do número de veces que algúns edificios quedan iluminados toda a noite, ou canto consume exactamente, un por un cada inmoble ou instalación municipal. E con eses datos poderian os veciños formarse moito mellor o seu xuízo.
Non decimos que non haxa que gastar menos, se non que falla información e, sen ela, resulta dificil xustificar as chamadas ao sacrificio. E tampouco estaría de máis saber se hai algun plan ou se anda actuando ao chou. Reparemos, por exemplo, en determinadas partes da zona rural, onde durante toda a noite campan unhas soberbias luminarias para ledicia da fauna e da flora, porque desgraciadamente son lugares nos que xa ninguén vive. Cando se instalou, por primeira vez, o alumeado na zona rural –no que algo tivemos que ver–, fíxose un estudo técnico que tiña como obxectivo cumprir as condicións mínimas esixibles, de tal xeito que se implantou un sistema racional e moi axustado ás posibilidades económicas do Concello. Claro que os que viñeron despois multiplicaron a dotación de pontos case por dous, baixo a coñecida norma de homologar un lux a un voto, o que en terminoloxía popular se expresa vulgarmente por aquilo de “unha bombilla vai, un voto ven”.
Con todo, a falla de luz, non impide que vexamos perfectamente que o principal gasto superfluo do Concello, non é o do exceso de consumo eléctrico. Xa o dixemos moitas veces: un ‘pueblin’ coma o noso non pode cargarse cunha plantilla de persoal como se fose Viveiro, ou Monforte de Lemos. Non podemos permitirnos servizos que non somos quen de pagar e que, por outra banda, non son de competencia municipal en moitos casos. Pero é que ademais os xeitos que apreciamos apuntan a que se vai seguir nesa liña. Sobre o asunto preguntamos no último pleno, pero non recibimos unha resposta taxativa.