Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta en Santiago a axenda feminista 2012 “Daquelas que cantan”

Nota de prensa

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan”

A presentación será en Santiago de Compostela, na libraría Lila de Lilith, o sábado 17 de decembro ás 12.30h.

Despois do éxito e a boa acollida que tivo a primeira axenda do Observatorio da Mariña pola Igualdade, publicada o ano pasado e na que se adicaba cada mes do ano a unha das moitas reivindicacións pola igualdade aínda pendentes, o Observatorio presenta a Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan”, adicada este ano ás músicas galegas.

DAQUELAS QUE CANTAN é unha homenaxe ás intérpretes, vocalistas, compositoras, artistas e cantautoras que hoxe en día conforman unha rica polifonía de estilos e propostas variadas en Galiza. Para visibilizar o seu traballo, cada mes da axenda está encabezado por unha das nosas moitas músicas, cunha foto delas e cun texto que elas mesmas concebiron e redactaron expresamente para esta axenda. Uxía, Guadi Galego, Silvia Penide, María Xosé Silvar, Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Leilía, Carmen, Maruxa e Tareixa de Fuxan os Ventos, Sonia Lebedynski e as Batuko Tabanka conforman a axenda do Observatorio para o 2012.

Como novidade, a axenda este ano ten un formato de 10*15cm, para que se faga mito máis cómoda de levar todos os días. O prezo será de 10 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para elas de 8 euros).

A presentación será o próximo sábado 17 de decembro, ás 12.30h, na libraría compostelá Lila de Lilith (rúa Travesa, nº7). Na mesma, a xente que o desexe xa poderá comprar a axenda e contribuír así a seguir loitando por unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Posteriormente a axenda poderase adquirir na citada libraría ou poñéndose en contacto co observatorio a través do mail observatorioigualdade@gmail.com. Tamén haberá unha presentación oficial na Mariña e se facilitará un listado das librarías da Mariña nas que se poida adquirir a axenda.

Exit mobile version