Site icon Crónica3.com A Mariña

O obradoiro “Fotografía en movemento” abre o imaxina 2011 no IES Monte Castelo de Burela

Nota de prensa:
O OBRADOIRO ‘FOTOGRAFÍA EN MOVEMENTO’ ABRE O IMAXIÑA 2011

Martes 20 de decembro. O obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’ inaugurou onte no IES Monte Castelo de Burela o Imaxiña 2011, festival organizado pola Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) para potenciar a creatividade da xuventude da bisbarra.

O alumnado de terceiro e cuarto da ESO coñeceu de primeira man os resultados audiovisuais de diferentes técnicas de gravación, empregando non só a videocámara senón tamén unha cámara fotográfica ou incluso un teléfono móbil. Dende a palestra, o pintor xovense Xoán Guerreiro e o profesor de Debuxo e Artes do instituto Pedro Cabarcos animaron os rapaces/as a “valorar o contorno da Mariña, como espazo singular, único e específico e a capturar esa realidade a través da creación en imaxes”.

Coa comunicadora Sabela Blanco, os mozos/as profundaron no mundo da curtametraxe a través de dúas pezas nas que traballou a cervense, Aurelia, preseleccionada para os premios Goya, e Os poetas do Inmediato.

A creación audiovisual dará paso mañá a un taller de fotografía a cargo da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada (11.00 horas) destinado ao estudantado Bacharelato de Artes do centro burelao, vinculado á materia de Cultura Audiovisual.

O festival Imaxiña, que se integra nun proxecto máis ambicioso con visitas polos diferentes centros de ensino da bisbarra, xorde co firme propósito de poñer en marcha un contorno de creación que permita deixar constancia dunha identidade propia a través do audiovisual, coa participación dos mariñáns en concursos e obradoiros de creación fotográfica e audiovisual, así como exposicións e proxeccións.

Exit mobile version