Site icon Crónica3.com A Mariña

O centro CeMIT de Burela impartirá 3 cursos de alfabetización dixital do 19 ao 25 de decembro

Nota de prensa:

O CONCELLO DE BURELA COMEZARÁ A IMPARTIR 3 CURSOS DE ALFABETIZACIÓN DIXITAL NA SEMANA DO 19 AO 25 DE DECEMBRO

Burela, 15 de decembro de 2011. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá na vindeira semana 3 novos cursos impartidos polo Concello de Burela.
Nesta semana comezarán 2 cursos de “Alfabetización dixital: Iniciación a Internet” cos que se amosará a navegar a través de Internet co navegador libre “Mozilla Firefox”.
Con estes cursos, os participantes aprenderán o que é Internet, como acceder a páxinas web a través da barra de enderezos, como atopar todo tipo de información co buscador “Google”, etc…
Os dous cursos están dirixidos a persoas cuns coñecementos nulos ou básicos de Internet.
O primeiro deles impartirase entre os días 19 e 23 de decembro en horario de 11:00 a 12:30 horas.
O segundo iniciarase o 21 de decembro e rematará o 5 de xaneiro. O seu horario será de 19:00 a 20:00 horas.
Nesta semana comezará tamén un curso de “Alfabetización dixital: Iniciación á Informática”. Neste curso amosarase a manexar o computador dun xeito básico e sinxelo.
Os asistentes aprenderán a crear cartafoles e documentos, renomear e eliminar elementos, mover ou copiar elementos dun lugar a outro, manexar unha memoria USB, etc…
O curso está dirixido a persoas con coñecementos nulos ou básicos de Informática. Esta actividade comezará a impartirse o día 22 de decembro e finalizará o día 16 de xaneiro. O seu horario será de 16:00 a 17:00 horas.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es

Exit mobile version