Nota de prensa
VILLARES PÍDELLE A PSOE E BNG QUE EXPLIQUEN POR QUE PREFERIRON PAGAR MÁIS DE 200.000 EUROS Á EMPRESA ADXUDICATARIA DO PROXECTO DE SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN DO ANO 2005 ANTES DE PERMITIR QUE SE INVESTIRAN OS 6,3 MILLÓNS QUE ESTABAN PRESUPOSTADOS
Cervo 15 de decembro de 2011.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, dixo hoxe estar moi satisfeito pola publicación no día de onte no DOG da licitación das obras do emisario submarino de San Ciprián, tal e como anunciara o pasado martes o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez durante unha visita a este municipio e na que estivo acompañado pola delegada territorial, Raquel Arias.
Segundo se reflicte no Diario Oficial de Galicia, esta obra ten un importe de licitación total de 2.157.725,79 euros. Durante o anuncio desta actuación o alcalde cervense aproveitou para agradecer o esforzo inversor da Xunta de Galicia para materializar esta infraestrutura necesaria para poñer en funcionamento a nova rede de saneamento da vila de San Ciprián, “sobre todo tendo en conta a época económica tan precaria que estamos a pasar neste país” indicou.
PSOE e BNG: Moitas preguntas por responder
A pesares desta boa nova, o rexedor non quixo tampouco ocultar a súa indignación sobre a postura de socialistas e nacionalistas no que atinxe a esta obra. Dixo que a nova rede de saneamento de San Ciprián estaba inacabada debido “á indecencia política” do PSOE e BNG e lembrou que o equipo de Goberno local leva anos solicitando explicacións dos dous partidos da oposición polo inexplicable recorte no presuposto da obra que no seu día impuxo unilateralmente o Goberno bipartito “e cuxas queixas este Goberno municipal xa transmitiu en varias ocasións” indicou.
Villares recordou que no ano 2005 o Goberno autonómico de Manuel Fraga deixara adxudicado o proxecto orixinal do saneamento de San Ciprián por un valor de 6,3 millóns de euros. Contrato que socialistas e nacionalistas preferiron rescindir cando chegaron ó Goberno da Xunta e abonaron unha indemnización de máis de 212.000 euros á empresa adxudicataria destes traballos. Despois desta decisión, aínda sen explicar por parte dos que daquela eran responsables, o Goberno bipartito da Xunta decide redactar outro proxecto, pero en lugar de manter o seu orzamento orixinal (6,3 millóns de euros), elaboran un novo por valor de 4,3 millóns de euros. Ou sexa: 2 millóns de euros menos que o aprobado polo PP.
“Nosoutros -dixo- o que temos que dicirlles aos representantes do PSOE e do BNG é que queremos que nos digan dunha vez por todas porqué decidiron pagar unha indemnización antes de levar esta obra adiante. E posteriormente, cando deciden por fin acometela, fano cun proxecto mutilado en 2 millóns de euros que non contemplaba a construción do emisario submarino e que é sensiblemente prexudicial para o conxunto dos veciños e veciñas deste municipio; xa que no proxecto orixinal se incluía o mantemento das instalacións a cargo da Xunta de Galicia durante 20 anos e no que se levou finalmente adiante non é así”
Para o alcalde, tanto o PSOE como o BNG “tiveron tempo dabondo” para contestar estas preguntas, aínda que nunca quixeron facelo, “pero nós seguirémosllo solicitando ata que digan publicamente cales foron os motivos reais que moveron aos seus partidos a facer esta manobra co saneamento de San Ciprián e co Concello de Cervo, porque estou convencido de que tódolos veciños deste municipio están moi interesados en que se lles explique por qué a Xunta bipartita tomou esa decisión e porqué a Confederación Hidrográfica do Norte -tamén gobernada por socialistas- acometeu un proxecto dunha nova rede de saneamento sen contemplar nel a saída das augas residuais”.