Nota de prensa
TRADESCOLA – Asociación de Gaiteiros Galegos
Centro Lug II – Rúa Pintor Corredoira, 4
Tfno.: 982 22 99 66
tradescola@gaiteirosgalegos.com
www,gaiteirosgalegos.com
CONCERTO DIDÁCTICO SOBRE A MÚSICA TRADICIONAL GALEGA EN VIVEIRO A CARGO DA TRADESCOLA
Os mestres da Tradescola, Bruno Villamor, Xose Lois Romero e Andrés Penabad cautivaron preto de 700 alumnos de Viveiro amosándolles os instrumentos, a historia e a evolución da música tradicional galega
Lugo, a 15 de Decembro de 2011. O Teatro Pastor Díaz de Viveiro, acolleu unha nova actividade de promoción e difusión da Música Tradicional organizada pola Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Nos tres pases ofrecidos, os mestres Bruno Villamor, Xose Lois Romero e Andrés Penabad fixeron un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos séculos cautivando aos alumnos de infantil e primaria que asistiron ao concerto. Cunha gran acollida, por parte dos alumnos e do profesorado do centro, os mestres da Tradescola amosaron os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega.
A Tradescola ten como obxectivo ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e realizar actividades de difusión e promoción da nosa música e baile. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.
A TRADESCOLA conta actualmente con un equipo docente formado por 9 mestres de reconocido prestixio no eido da música e o baile tradicional, que imparten aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación. A maiores destas materias, tamén se ofrecen aulas específicas para os máis pequenos.
Esta escola está servindo como motor para realizar cursos, seminarios, concertos didácticos, obradoiros e todas aquelas actividades que poidan servir para potenciar, difundir e normalizar a nosa música tradicional.