En defensa da Mariña: emprego e futuro
Desde o primeiro día no que se coñeceron a intención de empresas da nosa comarca de levar a cabo despedimentos colectivos, este deputado e o conxunto dos membros do PP, vimos traballando para ofrecer solucións. Foron múltiples os contactos mantidos a todos os niveis: coa administración, coas xerencias, cos representantes dos traballadores afectados,… etc.
Preocúpanos a transcendencia social desta crise. O drama familiar que implica que veciños nosos vexan en perigo o seu posto de traballo. Por desgraza, A Mariña non é allea ao contexto xeral de crise económica e financeira que fai que España lidere, tras os últimos sete anos, o ranking europeo de destrucción de emprego. Cabe esperar que o cambio das políticas -e dos dirixentes políticos- que nos levaron a este pozo, poidan reverter esta tendencia no medio prazo.
Quixemos ser os primeiros en poñer sobre a mesa alternativas e por iso defendín unha iniciativa parlamentaria que pedía ao conxunto das administracións que se impliquen na posta en marcha dun plan para reactivar o emprego e a actividade empresarial desta comarca. Corresponde agora aos técnicos determinar o mellor modo de levalo adiante, máxime cando esta vez si, o partido no goberno e a oposición foron quen aprobar un acordo por unanimidade.
Con todo, PSOE e BNG non perden a oportunidade de actuar con demagoxia e de quebrar a imprescindible unidade que nos esixe a veciñanza para intentar aproveitarse politicamente do drama que afecta a estas persoas. Esquecendo quizais que se hoxe son eles os que están na oposición foi porque os cidadáns así o decidiron democraticamente, tras a súa mala xestión, por aplicar as políticas que nos levaron a onde estamos e porque confiaron no PP para xestionar as administracións en tempo de crise.
Atribuír, como fan socialistas e nacionalistas ao PP a culpabilidade dos despedimentos dos traballadores é unha falsidade insultante. Porque eles saben que aprobar un ERE non depende da vontade política do gobernante de turno, senón de criterios técnicos e dun procedemento regrado nun real decreto estatal. Os EREs, claro que si, son un instrumento sempre desagradable empregado como ultima medida nun intento de salvar a viabilidade da empresa e a continuidade dalgúns empregos. E nin o PP está a favor hoxe de que boten a traballadores á rúa. Nin PSOE e BNG o estaban antes cando durante a Xunta bipartita aprobaron EREs que levaron a 22.000 traballadores ao paro.
Ata tal punto de despropósito chega a actitude nada construtiva dos partidos na oposición que non teñen un criterio claro. Mentres que no Parlamento de Galicia foi posible consensuar un acordo para promover o plan de emprego nos mesmos termos que o aprobado por unanimidade no pleno municipal de Mondoñedo. Na Deputación de Lugo, PSOE e BNG, rexeitaron este mesmo texto co único obxecto de deixar fóra ao Goberno provincial, que non quere implicarse na procura de solucións para estes traballadores, aínda que outras veces si teñen contribuído ás políticas de fomento do emprego.
O que si podo asegurar é que, con ou sen a axuda da oposición, desde o Partido Popular e desde as administracións que temos a responsabilidade de gobernar seguiremos traballando en defensa da Mariña, e para que esta comarca non perda emprego e futuro, dous obxectivos que outros quixeron poñer en risco.