Site icon Crónica3.com A Mariña

Alcalde e portavoces do concello de Burela coinciden en que a autovía Barreiros San Cibrao afectará ao PXOM

Nota de prensa

A XUNTA DE PORTAVOCES ANALIZOU A INCIDENCIA QUE TERÁ SOBRE BURELA O CORREDOR BARREIROS-SAN CIBRAO TRAS CONOCERSE A SÚA DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL. O ALCALDE CONSIDERA QUE SE DEBE LEVANTAR A AFECTACIÓN DA ACTUAL VARIANTE E DEMANDA UN ENLACE NESE NOVO VIAL Á ALTURA DA PUIDA PARA FACILITAR O ACCESO AO FUTURO PARQUE EMPRESARIAL DESA ZONA.

Burela, 21 de decembro de 2011. O alcalde de Burela reuniuse no día de hoxe cos tres portavoces municipais, Grupo Popular, Grupo Socialista e Grupo Mixto, para explicarlles o alcance da resolución do Goberno Central sobre o trazado definitivo do corredor Barreiros-San Cibrao.

González Barcia convocounos logo de coñecer a resolución do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino do Goberno Central publicada no Boletín Oficial do Estado o pasado martes día 13 de decembro, acerca da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do indicado corredor. O rexedor dixo que “nesa DIA, elíxese como trazado definitivo xustamente aquel que recibiu alegacións en 2009 por parte do Concello de Burela, é dicir, o que pasa pegado á actual variante e na zona do hospital sube cara A Puída”.

Barcia explicou que “desde hai meses despois de ver o informe emitido polo Ministerio de Fomento en outubro do ano pasado xa adoptamos a postura de traballar cunha única hipótese. Esa foi que o trazado definitivo que ía elixir Fomento era o que foi. O que estamos a facer é definir o que queremos que sexa Burela tendo en conta a afectación que ese corredor vai ter e en previsión de que se levante a afectación que actualmente ten a variante. O que non sería lóxico é que houbese afectación do propio corredor e ao mesmo tempo afectación da variante actual”. O equipo de goberno de Burela considera que “si temos que debuxar o novo corredor Barreiros-San Ciprián deberíase levantar a afectación que ten a variante. Nós tivemos xa conversas coa Demarcación Territorial de Estradas na Coruña e coa Xefatura Provincial de Estradas en Lugo e entendemos que as cousas van razoablemente ben, a falta do informe dos técnicos”.

Na xunta de portavoces, celebrada este mediodía, “tamén se lles indicou aos voceiros das distintas formacións que imos estudar a viabilidade de definir un enlace da nova estrada á altura da Puída, para facilitar o acceso ao futuro parque empresarial desa zona, tal e como nós contemplamos no noso plano xeral”.

O alcalde e os tres portavoces coincidiron en que as implicacións da nova estrada sobre o PXOM son elevadas, e que agora só cabe traballar para que o plano xeral respecte ó máximo posible as potencialidades de Burela aínda tendo en conta a incidencia do novo vial. Nese sentido, González Barcia anunciou unha reunión co equipo redactor do PXOM para o día 29 do presente mes, “co obxectivo de avanzar na súa elaboración, agora que se coñece definitivamente cal será o trazado do corredor Barreiros-San Cibrao”. Barcia indicoulles aos grupos políticos que os volverá a convocar para darlles traslado do documento cando este estea a punto de pecharse, a efectos de plantexar suxerencias ao respecto.

Exit mobile version