REFERENCIA
ADEGA – ADEGA CONSIDERA MISÉRRIMA A AMPLIACIÓN DA REDE NATURA QUE PROPÓN A XUNTA
Logo de meter o bulldozer lexislativo na Rede Natura, a Xunta propón unha ampliación misérrima
21 de decembro de 2011. Medio Rural acaba de facer pública a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta pretende aprobar en 2012. Do 12% do territotrio en RN pasariase ao 15%, moi por baixo da media estatal (28%) e lonxe do 71% de Canarias. Esta proposta é aínda máis cativa que a que [pdf] elaborara o bipartito en 2007 (1.57 Mb), que pretendía chegar até o 18% do territorio baixo esta figura de protección. Así as cousas, e despois que nestes 2 anos a Xunta perpetrara unha política de sistemática demolición da protección da natureza (modificacións lei do solo, eliminación de trámites ambientais, POL e Plano Director da RN hiperpermisivos) rematando coa Lei de Industria por se quedaba algún territorio que non se puidera asaltar, a Rede Natura deixou de ter sentido como rede ecolóxica e pasou a ser chan barato para a especulación.
Segundo os datos coñecidos até o de agora, convintemente manipulados pola Xunta para tentar apresentar as miserias da proposta ampliación como virtudes (gráficos que reflicten supertificies totais e non porcentaxes, comparacións entre Galiza e outros estados europeos -incluido España- e non con outras comunidades, feito que mesmo podería provocar unha queixa ao Valedor), a proposta apresentada por Juárez só pode cualificarse de misérrima.
A realidade é que Galiza, malia a contar cunha das biodiversidades máis ricas de Europa, con representación de 4 rexións bioxeográficas no noso territorio (atlántica, mediterránea, alpina e macaronésica) segue a ter a Rede Natura máis cativa de todo o estado (12%), lonxe da media estatal (28%) e mesmo do territorio protexido nas autonomías veciñas: Castela e León, 26% e Asturies, 29%.
comparacionRN07-11Lonxe de subsanar esta grave eiva, a Xunta de Galiza vén de apresentar unha proposta de ampliación para situar a porcentaxe de territorio protexido baixo a Rede Natura no 15%, aínda máis cativa que a proposta elaborada polo bipartito en 2007 (18%) e cuxos criterios e fundamentación científica ainda descoñecemos. O conselleiro do Medio Rural e o Director Xeral de Conservación deberán explicar á sociedade galega por que sendo un dos territorios máis ricos en hábitats e especies prioritarios e de interese europeo do continente, seguimos á cola do estado en territorio protexido.
Mais independentemente da maior ou menor superficie proposta e da fundamentación que a sustenta (de existir), a Xunta de Galiza é culpábel de ter planificado e executado a maior agresión legal e instirucional ao noso patrimonio natural. Mediante as modificacións á carta da Lei do Solo para especular co chan rústico de protección, a supresión de trámites e garantías ambientais no proceso de avaliación de proxectos sectoriais (lei de acompañamento dos orzamentos), a aprobación dunha Lei de Industria que da carta branca ambiental a determinados proxectos, un POL tan permisivo que é coma se non existira, para rematar cun Plano Director da Rede Natura que permite todo tipo de proxectos agresivos en máis do 70% da Rede Natura, a Xunta fixo da Rede Natura un ente meramente virtual, territorio virxe para a especulación.
Est por ver se Europa partilal esta visión misérrima da Xunta e dende logo dende ADEGA ímoslles informar da espúrea concepción que a administración galega ten da Rede Natura e da campaña de demolición lexislativa perpetrada polo goberno de Feijóo nos últimos anos.
Arestora, a Xunta é o principal risco para a conservación do patrimonio natural (e cultural) do país. facendo nosas as resolucións da 36ª Asemblea de ADEGA, encol da inoperancia e o desleixo da administración galega á hora de conservar e recuperar o nosa biodiversidade, pedimos a a supresión da Dirección Xeral de Conservación e a asignación do seu orzamento para proxectos e altos cargos ás organizacións sociais galegas que estamos a traballar de xeito efectivo pola conservación do noso patrimonio natural.