Nota de prensa
A XUNTA DE GALIZA ESCÓNDESE ANTE A IMPOSIBILIDADE DE DAR AS ALTAS E AS BAIXAS NAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS GALEGAS
Desde fai máis de tres días a Oficina Agraria Virtual (O.A.V.) non permite dar altas nin baixas que conlevan perdas económicas e risco de recortes nas axudas
Fai máis dun ano, o conselleiro do Medio Rural anunciaba a “bombo e platillo”, por unha banda, a supresión do sistema de identificación de ruminantes que viña funcionando de xeito eficiente desde facía anos e o conseguinte despedimento de máis de cen veterinarios identificadores, e por outra, a posta en marcha da O.A.V. como medio para que os gandeiros puideran dar as altas e as baixas nas súas explotacións por eles mesmos e ,deste xeito, “axilizar os trámites” e “avanzar nas relacións entre a Administración e os gandeiros”
Pois ben, a O.A.V. leva máis de tres días sen permitir dar altas nin baixas, ao que hai que sumar que tampouco se poden facer estes trámites por teléfono e nin tan sequera nas Oficinas Agrarias Comarcais están podendo dar nengunha solución ao problema. Un problema que significa que as explotacións de vacún de leite non poden dar de alta animais que, por conseguinte, teñen que permanecer máis tempo na explotación co gasto en alimentación que iso supón nun contexto de forte crise no sector.
E todo isto tendo en conta a indefensión no que se atopan as explotacións ante as numerosas inspeccións sobre a correcta identificación do gando cos conseguintes recortes nas axudas se as altas e as baixas non se dan nos prazos establecidos, que en ocasións son de poucos días.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA non comprendemos como á hora de presentar o novo sistema de identificación de ruminantes a través da O.A.V. o Sr Conselleiro do Medio Rural sae a publicitalo e cando non funciona e pode causar serios perxuízos escóndese ante o fracaso e non da a cara. Por todo isto esiximos solución urxente e inmediata ao Sr. Conselleiro e as oportunas explicacións.