Nota de prensa
A Deputación publica o 1º libro sobre o Camiño do Mar para impulsar o seu recoñecemento como ruta xacobea oficial
– Gómez Besteiro presentou no Concello de Viveiro o volume, baseado na intensa e rigorosa investigación do historiador focense Juan Ramón Fernández Pacios sobre o itinerario, que discorre por todos os municipios costeiros entre Ribadeo e Ferrol
– A Deputación editou medio milleiro de exemplares do libro, o primeiro que recolle todo o inventario documental que certifica que o Camiño do Mar foi unha auténtica e importante ruta de peregrinación a Compostela
– O Presidente subliñou que a súa oficialización, un compromiso do Goberno provincial para este mandato, supoñería “unha extraordinaria oportunidade para fomentar o turismo e xerar riqueza”
A Deputación editou medio milleiro de exemplares do volume, froito de “varios anos de intenso e rigoroso traballo” de Fernández Pacios sobre un itinerario “tan pouco estudado como tan maioritariamente coñecido”, asegurou Besteiro. Este é de feito o primeiro libro que recolle todo o inventario documental existente co que queda certificado o Camiño do Mar foi unha auténtica e importante ruta utilizada polos peregrinos na súa viaxe a Compostela. Ademais de documentos escritos, o “fascinante e revelador estudo”, engadiu o Presidente, inclúe máis de 200 fotos e abondosos mapas que describen todos os tramos do Camiño do Mar.
Ademais de impulsar “a firme aspiración e empeño” da Deputación en favor da oficialización do Camiño do Mar, o libro avala a demanda que diversos colectivos sociais e empresarias veñen facendo dende hai anos para que a Xunta recoñeza oficialmente esta ruta xacobea, pois suporía un relevante impulso para economía mariñana polo aumento de visitantes que levaría consigo.
Un Camiño con tres entradas
Compromiso coa difusión das rutas xacobeas
Gómez Besteiro lembrou na presentación do libro que o seu firme compromiso coa oficialización do Camiño do Mar data de hai xa un ano, “cando presentamos no Castelo de Pambre a primeira publicación feita en Galicia que recolle todos os Camiños a Compostela que pasan pola nosa provincia”. Esta guía, Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo, formou parte do parte do proxecto Km0 a Compostela, “que puxemos en marcha hai catro anos e que converteu así á Deputación de Lugo na primeira administración cunha programación estable e previa ao Ano Santo”, asegurou Besteiro. O libro recollía os catro Camiños: o do Norte, o Primitivo, o Francés e o de Inverno, quedando pendente o do mar. Daquela, o Presidente comprometeuse a sacar á luz un volume exclusivamente dedicado a esta ruta pola Mariña unha vez terminada a investigación de Fernández Pacios, unha promesa que hoxe se fixo realidade.
Neste senso, o Presidente garantiu que “dende a Deputación imos seguir traballando, sen escatimar ningún esforzo, con novas iniciativas para potenciar e poñer en valor todo canto estea relacionado co fomento e difusión dos itinerarios xacobeos que atravesan a nosa provincia”.