Nota de prensa
Mato aposta por “tender pontes de colaboración” entre institucións para mellorar a atención social e en materia de emprego
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro
Na reunión, abordáronse diversas liñas de colaboración entre a Administración autonómica e a provincial
Ademais, no encontro a titular do departamento autonómico lle presentou o novo mapa de infraestruturas residenciais de Galicia, que permitirá planificar a posta en marcha destes recursos en Galicia ata 2020
Así o manifestou hoxe a titular do departamento autonómico tras manter unha xuntanza co presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. Segundo explicou ao remate da reunión, o obxectivo da mesma foi abordar liñas de colaboración entre as dúas administracións.
Mato destacou, ao respecto, que nos momentos actuais é “unha obriga de todos os titulares que estean ao fronte de institucións tender pontes de colaboración que garantan actuacións encamiñadas a mellorar a atención dos servizos sociais e de emprego”.
Neste eido, a titular de Traballo e Benestar e o presidente da Deputación de Lugo acordaron ver liñas de colaboración para o que proximamente técnicos de ambas institucións manterán unha xuntanza para propoñer liñas de colaboración cos concellos máis pequenos en materia de servizos sociais e de emprego.
Neste sentido, a conselleira recordou que esta cooperación entre Xunta e Deputación de Lugo xa existe lembrando, entre outras actuacións, que na actualidade se está a desenvolver unha escola obradoiro que rematará en xuño de 2012. En concreto, 26 persoas desempregadas están recibindo formación en axuda a domicilio. O departamento autonómico está a financiar este proxecto con máis de 546.000 euros.
Ademais, Mato expuxo ao presidente da Deputación o borrador do novo decreto de servizos sociais comunitarios que vai permitir afondar en tres obxectivos: promover servizos sociais de calidade; coordinar e evitar duplicidades na prestación destes servizos; e planificar a súa posta en marcha. Ao respecto, lembrou que esta normativa afondará nos principios recollidos na Lei 13/2008 de Servizos Sociais, que establece que é competencia das deputacións proporcionar asistencia para a prestación de servizos sociais comunitarios básicos aos concellos, especialmente a aqueles de menos de 20.000 habitantes; e por outro lado, tamén ten en conta a Lei 5/1997 de Administración local de Galicia que establece que os programas de cooperación económica que desenvolvan as deputacións coas corporacións locais deben ser postos antes en coñecemento polo órgano superior da Xunta de Galicia. En definitiva, resumiu a conselleira, o borrador do novo decreto trata de articular “dun xeito eficiente a colaboración entre a administración, local, provincial e autonómica”.
Mapa de infraestruturas
Con respecto á iniciativa tomada unilateralmente por parte da Deputación de Lugo de construír 13 residencias para persoas maiores, a conselleira insistiu na necesidade de priorizar as zonas con maior necesidade e ir planificando no tempo as diferentes actuacións. Incidiu en que nesta planificación sempre hai que ter en conta non só as solicitudes reais de prazas residencias, senón tamén as capacidades orzamentarias das distintas administracións para o mantemento dos futuros servizos que se poñan en marcha.
Neste senso, destacou que a Xunta conta cunha ferramenta pioneira para planificar a posta en marcha de servizos sociais. Así, lembrou que o mapa de infraestruturas residenciais de Galicia, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración co Centro de investigación económica e financieira (CIEF) da Fundación NovacaixaGalicia, é “unha folla de ruta, obxectiva e rigorosa” a seguir polas administracións, xa que determina as áreas prioritarias onde é necesario construír unha infraestrutura residencial.
A conselleira puxo en valor esta ferramenta que ten como obxectivo planificar as infraestruturas sociais –nesta primeira fase refírese só ás residenciais- co fin de que se cubra en 2020 toda a poboación con dereito e potencialmente demandante.
Ao respecto, fixo fincapé en que actualmente na provincia de Lugo, ao abeiro da Lei de Dependencia, hai 116 persoas pendentes de asignación dunha praza pública residencial (das que 68 son para a atención de persoas maiores).
Para definir as áreas onde é máis necesario actuar de cara a 2020, o estudo da USC estableceu un índice de prioridade onde se combinaban distintos criterios: a necesidade de prazas totais; a necesidade de prazas relativas en función dos demandantes existentes; e tívose en conta a dificultade de concertar prazas necesarias en cada área. Todo isto combinado coa situación actual en cada unha destas zonas.
Deste xeito, Galicia quedou dividida en seis zonas que son as seguintes: a primeira área prioritaria estaría conformada polos concellos próximos a Santiago e Pontevedra; a segunda, polos de Verín e Barbanza; os de Vigo e A Coruña serían a terceira área; os de Lugo e Cee, a cuarta; os de Ourense, Ferrol, Salnés e Burela, a quinta; e, por último, a sexta zona serían os próximos a Monforte e Valdeorras..
Para rematar a xuntanza, a conselleira agardou poder continuar afondando nas diferentes liñas de colaboración entre as administracións e por continuar mantendo estes encontros “en aras do benestar de todos os galegos e galegas”.