Nota de prensa
NOTA DE PRENSA 21/12/2011
CIG A MARIÑA anima a toda a cidadanía da comarca a acudir á manifestación contra o peche de Finsa-Ecar e polo emprego na Mariña.
O vindeiro venres 23 ás 19.30 está convocada unha manifestación que despois de sair das inmediacións da fábrica de Finsa-Ecar, percorrerá as rúas de Mondoñedo ata a Praza do Concello. A manifestación, convocada polo comité de empresa de Ecar, vai contra a decisión empresarial de Finsa de pechar a factoría mindoniense,o que afectaría non só ás 62 familias directamente implicadas senón tamén á economía da zona e máis concretamente de Mondoñedo. Isto unido aos problemas xurdidos en coñecidas empresas de concellos veciños, ao ronsel de despidos que os ERES van deixando, e ás innumerables dificultades que as pequenas e medianas empresas da comarca están a sufrir, fai que o panorama laboral na Mariña sexa neste momento desolador.
É por todo isto que o posible peche de Ecar vai máis alá que a perda de 62 postos de traballo, vai máis alá que o simple peche dunha fábrica. Sería coma unha puntilla para a comarca non só dende o punto de vista económico senón tamén dende o punto de vista social e ata psicolóxico. É polo tanto vital concienciar ás distintas administracións que deben implicarse dunha forma real e contundente para parar esta sangría de perda de postos de traballo, de perda de poder económico. É imprescindible que se decaten que deben parar este lento morrer da nosa comarca. E evitar o peche de Ecar sería o primeiro paso. Facer un plan estratéxico que redunde nun potenciamento industrial e polo tanto nun repunte económico, laboral e social da comarca sería o seguinte.
E é precisamente todo isto o que hai que amosar o venres na manifestación. Debe ser unha cita, un referente para tada a cidadanía da comarca que aspira a vivir nun lugar con oportunidades, que se nega a que os seus fillos, teñan que, coma os seus pais, voltar a emigrar. O vindeiro venres a CIG anima a toda a comarca a que diga NON ao peche de Ecar, a que diga SÍ ao futuro, SÍ ao emprego na comarca, SÍ á Mariña¡¡¡.