Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o libro “Follas de Carballo” con referencias a lendas da Mariña

O 29 de decembro presentouse na casa da Cultura do Concello de Carballo a publicación “Follas de Carballo”, editada pola Agrupación Cultural Lumieira de Carballo e na que a Mariña luguesa forma parte dunha das tramas dos relatos curtos que compoñen esta publicación, en concreto, do conto “O monxe voador”.

Follas de Carballo

Follas de Carballo é unha publicación colectiva de relatos de autores e autoras de Carballo, xa fora nacidos na vila bergantiñán, xa establecidos alí. Trátase dun libro que nos permite confrontar estilos e temáticas diferentes, con historias ambientadas en épocas que van desde o recuado período medieval á actualidade, pasando polo século XVIII. En todas elas están presentes os motivos habituais na vida e na literatura: amor, erotismo, morte, saudade, loita, memoria, música, etc. Na maior parte delas latexa a presenza da Galiza como espazo en que transcorren os feitos narrados, pero tamén París, Madrid ou unha imaxinaria Terra de Fóra. Como non podía ser menos, a xeografía bergantiñá serve de marco espacial para as aventuras dunhas personaxes que se moven por Carballo, Malpica, Razo, Baldaio ou Caión, entre outras localidades tan características e definidoras do ser e da esencia bergantiñáns. Tamén as terras da Mariña luguesa, da man de frei Celestino Figueiroa, serven de marco para a narración duns feitos que nos remiten ao mítico mosteiro de Esperautano e á vella colexiata ribadense construída en tempos do bispo Pelaio de Cebeira. O afán viaxeiro de frei Celestino, monxe bieito discípulo de frei Sancho de Cerdedo, tráeo ata o mosteiro de Meira, desde o cal proseguirá viaxe percorrendo o río Eo ata chegar a Ribadeo para descubrir, de primeira man, a historia de frei Oliveiros das Alesancias, o monxe voador que emulou a viaxe de Ícaro polos ceos mariñaos.

-Edita: Agrupación Cultural Lumieira de Carballo

-Coordinación e supervisión: Nel Vidal Barral

-Autores/as e títulos dos seus relatos:

Xurxo Borrazás: O pintor de murais.
Fernando Cabeza Quiles: Casteloforte.
Xurxo Chapela: O penalti.
Rosalía Fernández Rial: A conto por tango.
Farruco Graña: O monxe voador.
Henrique Mariño: I´m lovin´ you.
Ignacio Silva: Mentiras en anacos.

-Deseño e maquetación: Alberto Varela Ferreiro.

-Introdución: Xosé Ramón Freixeiro Mato

-Prólogo: Xan Fraga
Autores/as dos relatos.
Farruco Graña

Aínda que establecido en Ribadeo, naceu en Carballo (1966) e é profesor de Filosofía en Tapia de Casarego (Asturias). Como narrador publicou a novela O bosque de Nadgor (2007) e participou en diversas obras colectivas. Ten desenvolvido, ademais, un intenso labor como articulista, en medios como La Voz de Galicia, El Progreso-A Mariña, Xornal de Galicia, Vieiros, Galicia Confidencial, GZNación, Crónica3-A Mariña, La Comarca del Eo ou A Nosa Terra.
Fernando Cabeza Quiles

Natural de Ponferrada (1953), mais, cos anos que leva en Carballo, é xa galego bergantiñán. Filólogo e mestre, é un dos máximos coñecedores da toponimia galega, como demostra, entre outras obras, a magna Toponimia de Galicia (Galaxia, 2008). Publicou varios libros de relatos, tanto dirixidos a adultos (Chamáchesme moreniña ou Domingo de resurrección) como a nenos/as (O segredo dos zapatos ou Contos azuis) e participou en varias antoloxías poéticas.
Henrique Mariño

Xornalista que naceu en Carballo en 1975 e traballou, entre outros medios, nos xornais La Voz de Galicia, El Mundo ou Público, onde escribe o blog Solución Salina. Tamén traballou na axencia Efe e fixo radio en RadioVoz, Radio Galega, Cope ou Caracol Radio. En 2006 concedéronlle o Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro.
Ignacio Silva

Mozo nacido en Carballo (1978) é licenciado en Dereito e ten recibido numerosos premios polo seu labor narrativo. En 2011 publicou o seu primeiro libro, Cara B (Xerais), unha obra que recolle tres novelas curtas, ou relatos longos, premiados nos certames literarios da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Soutomaior: Cela Aberta, Vertixes e Escintileos.
Rosalía Fernández Rial

Naceu en 1988 e é, ao mesmo tempo, carballesa e muxiá. Licenciouse en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou e toca o acordeón, fai teatro afeccionado e, sobre todo, escribe. Como poeta, ten publicados dous suxestivos e coidados libros, En clave de sol (2009) e Átonos (2011); ambos os dous levados á escena con espectáculos literarios, pictóricos e musicais.
Xurxo Borrazás

É un dos autores máis destacados da narrativa galega actual e naceu en Carballo (1963). Recibiu o Premio da Crítica Española en 1994 por Criminal (Sotelo Blanco, 1994). Ademais da súa recoñecida obra narrativa (Cabeza de chorlito, Eu é, Pensamentos impuros, Ser ou non, Costa Norte/ZFK, Covalladas…), tamén cómpre destacar o seu papel como tradutor, como articulista na prensa (El País, Tempos Novos…) e como crítico do noso sistema sociocultural (ensaio Arte e parte, por exemplo).
Xurxo Chapela

Carballés (1968) que, segundo el, “nunha decisión moi pouco atinada”, estudou Xornalismo. Na actualidade traballa no Diario de Bergantiños. No ámbito narrativo obtivo accésit no Premio Ourense de Contos nos anos 1998 (con “Rúa Muíño”) e 1999 (con “Cuarto baleiro”) e publicou a novela xuvenil, que define como “xoguete cómico”, Con Aroa, o último verán (Sotelo Blanco, 1999). Proximamente publicará o libro de poemas Primavera de navallas.
Ilustración e deseño
Alberto Varela Ferreiro

Naceu en Carballo (1963) e xa desde novo é un afeccionado ao debuxo, do cal é boa mostra a súa participou en revistas, desde que era un rapaz, ao longo dos seus anos de estudante. É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, e especialista en deseño, actividade na que traballa acotío no ámbito audiovisual. Ademais ten publicado como ilustrador e autor libros para nenos/as (Lume, Anamarciana, Brrumm-Brrumm, Dona Landra no Río Revolto…) e participado en diversas publicacións como debuxante, e así mesmo ten realizado diversas exposicións.

Exit mobile version